miércoles, 14 de febrero de 2018

O goberno do PP lexisla para favorecer os intereses privados na sanidade


Praza Pública
Galicia Confidencial

A Sanidade Pública galega está sendo atacada desde o propio poder. Hai unha percepción xeralizada de que o sistema público está en risco polas decisións políticas que adopta o Partido Popular, que utiliza a maioría absoluta no Parlamento para lexislar a favor dos intereses privados e contra dos dereitos cidadáns. Actúan como o caruncho: destrúen desde dentro. Pero no PP son expertos en dicir unha cousa e facer a contraria. Así sucede co Decreto de tempos máximos de espera, aprobado pola Xunta en setembro de 2017, que establece un límite temporal para a atención sanitaria hospitalaria (60 días para intervencións cirúrxicas e 45 para consultas externas e probas diagnósticas). Estes límites son totalmente inalcanzables no momento actual, dada a situación catastrófica das listas de espera.

O goberno publicitou esta norma como un avance para a sanidade pública e unha garantía para os pacientes. Pero non é así senon todo o contrario. Por se houbera algunha dúbida a Instrucción 1/2018 desenvolve o procedemento de derivación a centros privados desde os servizos de admision do Sergas e di textualmente (páxina 5): “Se o paciente non manifesta a súa decision no prazo de sete días ou rexeita o centro alternativo ofertado, perderá a garantía prevista para este proceso. Nese caso pecharase o expediente garantido no centro prescriptor co motivo rexeite oferta de resolución noutro centro. A condición do expediente garantido será a de expediente pechado e perda da garantía”. Isto quere decir que aqueles pacientes que non acepten a derivación a un centro privado perderán o dereito a ser atendidos no prazo establecido no Decreto. Serán castigados a esperar sen límite. Non se trata, polo tanto, de garantir o dereito de atención aos cidadáns; este Decreto e a Instrucción que o desenvolve son un mecanismo impúdico para garantir o negocio dos centros privados que serán os receptores masivos de derivacións, ao tempo que os pacientes que rexeiten esta derivación quedarán privados de todo dereito.

Do mesmo xeito, estes últimos días (sen facer caso do clamor de milleiros de persoas que se manifestaron en Santiago o primeiro domingo de febreiro convocados por SOS Sanidade Pública) o PP  levou ao Parlamento a contrarreforma da Lei de Saúde de Galicia. O novo texto modifica sustancialmente a lei de 2008 (impulsada polo goberno progresista de PSdeG e BNG), reduce as áreas sanitarias de once a sete e, ademáis,  establece medidas que protexen os intereses da sanidade privada e das multinacionais tecnolóxicas.

 
Trátase dun paso máis, moi importante,  no desmantelamento dos servizos públicos -despois de anulación das xerencias de Atención Primaria e da creación das estruturas de xestión integrada-, e na perspectiva de impoñer as Áreas de Xestión Clínica que foron adiadas no seu momento pola negativa dos profesionais a aceptar a imposición. Esa medida, que o goberno do PP segue pensado en aplicar, significaría a privatización do núcleo duro da sanidade pública: a propia actividade asistencial.

O novo texto da Lei de Saúde, que inicia agora o trámite parlamentario, establece, entre outras medidas, a posibilidade de asinar contratos e convenios con entidades públicas e privadas para desenvolver produtos ou tecnoloxías sanitarias.  Dese xeito poñen os orzamentos, os centros públicos e mesmo os doentes, ao servizo dos intereses das empresas privadas que dirixirán e controlarán as liñas de investigación e mesmo poderán ter acceso aos datos dos usuarios. Neste goberno están actuando como liquidadores dos servizos públicos. Cómpre deter esta actividade destrutora, que poderá ter moi severas consecuencias nun próximo futuro.