miércoles, 22 de junio de 2011

Na defensa dos servizos públicos

http://www.galiciahoxe.com/opinion/gh/na-defensa-dos-servizos-publicos/idEdicion-2011-06-27/idNoticia-682436/ 
Hai uns días (17-06-11) “La Voz de Galicia” ocupaba a portada e as primeiras páxinas coa nova da transformación de Novacaixa Galicia (NCG) en banco. Os mandatarios do novo organismo aparecían sorrintes na foto. Un día histórico, unha serena esperanza, o que Galicia precisa (Feijoo): todo eran parabéns e felicitacións. O novo líder da institución aceptou o reto para prestar un servizo a Galicia. O mesmo xornal adicaba as seguintes páxinas a temas menos relevantes. Avisaba de que a Xunta obrigará aos mestres a dar catro horas máis de clase á semana, de que vai controlar o gasto do teléfono dos empregados públicos e  tamén vai reducir o número de liberados sindicais. Días despois (22-06-11) a portada trae novas advertencias; a Xunta vai reforzar o control  das baixas laborais: da por suposto que son fraudulentas.
Comecei a lectura do xornal pola primeira páxina e sorprendeume a coherencia do relato. Leído así, nese orde, resulta que os responsables das entidades financeiras están a sacrificarse en beneficio do país mentres que os docentes, funcionarios e sindicalistas son os principais responsables das desgracias colectivas: traballan poucas horas, faltan ao traballo sen motivo, non fan máis que falar por teléfono e están excesivamente liberados. A Xunta de Feijoo ten detectado o problema e sabe como afrontalo: aos banqueiros dalle vía libre pero aos traballadores públicos hai que atalos en curto. Segundo este relato os principais responsables da especulación inmobiliaria e da crise financeira aparecen retratados como heroes mentras que o dedo acusador sinala aos funcionarios como culpables de todo. Este diario hai tempo que perdeu a compostura. Xa non está ao servizo da noticia senón da propaganda oficial. Triste destino para unha cabeceira que chegou a ser unha referencia no país.
Con esta intoxicación informativa non se pretende só ofender aos funcionarios: búscase desprestixiar os servizos públicos. Nada é casual: hai unha estratexia ultraliberal que procura degradar o público e xerar espazos de negocio para os mesmos de sempre. Pero debemos mirar ao Norte. Hai que lembrar que España ten unha porcentaxe de 9,5% de empregados públicos, mentras que a UE ten un 16%. Compre saber que canto máis desenvolvido está o estado do benestar, cantos máis dereitos ten a poboación dun país (Suecia, Dinamarca,..), hai máis empregados públicos. O emprego público non é un lastre senón unha garantía para o estado do benestar. Pero a Xunta de Feijoo non acredita nos servizos públicos. A sanidade e a educación públicas están en risco: están a ser atacadas por quen ten a obriga de defendelas e potencialas.


jueves, 16 de junio de 2011

Razóns de primeira división

Xa teño falado algunha vez da miña afección polo fútbol. Levo máis de cincuenta anos tentando aprender e aínda non abandonei o empeño. Deixando a un lado as miñas carencias como xogador, que son dabondo, hai xa un tempo que estou entregado a un novo reto: dende hai máis de dez anos –tiña cinco o meu fillo Daniel- colaboro cos salesianos do Colexio Calvo Sotelo; exerzo de adestrador dos equipos de fútbol base no barrio de Labañou. Nesta tempada que ven de rematar conseguimos o ascenso dos infantís á primeira división autonómica. ¡Sinto a mesma ledicia que Guardiola cando gañou a Champions!
Emprego boa parte do meu tempo de lecer neste labor e, despois de darlle unhas cantas voltas, coido que hai varias razóns para que non desista. En primeiro lugar está a miña afección por esta práctica, que me ten reportado momentos de disfrute colectivo e a posibilidade de compartir esta paixón con moitos compañeiros.
Tamén considero que este deporte, como outras actividades de grupo, ten un grande potencial educativo; os rapaces poden aprender o valor do esforzo e da humildade, do espíritu solidario, do traballo en equipo, do apoio aos compañeiros, do respecto aos contrarios. Poden aprender a gañar e a perder con elegancia, sabendo tolerar a euforia e a frustración, que niso vai consistir a vida que lles agarda.
Hai unha terceira razón para que leve tanto tempo adicado a esta tarefa. Chámase Severino Pérez. Este home de máis de setenta anos conserva o entusiasmo e a alegría de vivir intactos. A súa actitude ante a vida resulta exemplar (a docencia, o deporte e o teatro son as súas paixóns). Él foi o principal impulsor deste proxecto deportivo, que se iniciou con vinte rapaces e agora acolle máis de douscentos. O seu impulso xeneroso, o constante traballo cotiá, o compromiso infatigable (chova ou queime o sol nunca faltou a un partido) son elementos dabondo para contribuir nesta empresa que ten, con toda certeza, unha  influencia moi positiva nos rapaces do meu barrio. Desde esta humilde páxina eu reclamo a berros: ¡un monolito, unha praza, unha rúa principal adicada a este home de ben! 
Hai outra razón importante para persistir no empeño. Formouse un grupo darredor deste proxecto, de altísima cualificación profesional, integrado por excelentes persoas. É un pracer compartir tarefas con Tojo, Lamas, César, Pedro, Gilberto, Cousido, Abraham,... ¡Quén lle dera este equipo técnico ao Real Madrid! Non andarían queixándose tanto dos árbitros…Tamén é valioso saber que os pais non agardan de nós a excelencia deportiva e que prestan atención a outro tipo de detalles: entenden que é máis importante formar persoas que conseguir figuras do balompé.
Finalmente debo decir que tiven a grande fortuna de dirixir nesta tempada que remata a un grupo de rapaces excepcional, con grandes cualidades deportivas e humanas. O éxito é froito do seu compromiso co grupo, do esforzo constante nos adestramentos e nos campos de xogo, da unidade do equipo na procura dun obxectivo común. Para todos eles a miña felicitación e o meu afecto. Aquí están na foto, nun dos últimos partidos xogados no campo de Meicende, perto das chemineas de refinería. Non están todos (faltan: Rubén, Aitor, David, Neira, Mario e Marcos).

De pé: Pablo, Adrián, Andrés, Diego, Fernando, Sergio, Oscar, Jove, Naveira, Severino.  
Agachados: M.Anxo, Martín, Miguel, Rubén II, Iván, Nacho.





domingo, 12 de junio de 2011

As alarmas sanitarias

http://www.galiciahoxe.com/opinion/gh/as-alarmas-sanitarias/idEdicion-2011-06-13/idNoticia-678282/ 

No mundo occidental a existencia é confortable, polo momento, e temos unha esperanza de vida ao nacer como nunca houbo na historia da humanidade (81,5 anos en España). Pero a xente, en vez de atoparse segura e feliz, síntese ameazada por perigos reais ou imaxinarios procedentes da propia natureza ou da actividade de home. O sociólogo alemán Ulrich Beck acuñou o termo “sociedade do risco” para describir esta situación tan contradictoria. Segundo o seu criterio o destino das persoas atópase, na sociedade actual, baixo o signo do medo. O perigo pode xurdir en calquera momento: vivimos en estado de alerta permanente.

No ámbito sanitario prodúcense periódicamente situacións de alarma que provocan o pánico xeral. Reproducen sempre o mesmo esquema: existe un risco potencial para a saúde, un organismo internacional declara o estado de alerta, os medios de comunicación fan un seguemento exhaustivo da noticia e esaxeran o perigo, un sector produtivo (agrícola, gandeiro..) é perxudicado pola alarma, pode aparecer unha terapia para atallar a doenza (que xenera enormes ingresos á industria farmacéutica) e, finalmente, a historia amosa que o risco era menor do anunciado. Vexamos algúns exemplos.

 -As vacas tolas: en novembro de 2000 apareceu en Galicia o primeiro caso de “vacas tolas”, que ata o momento só afectara ao Reino Unido. A  encafalopatía  esponxiforme bovina  (EEB) é unha doenza causada por prións que afecta ao gando. É un problema de sanidade animal que, daquela, xerou o pánico ante o anuncio de que esta  grave afección neurolóxica afectaría masivamente ás persoas. Unha desastrosa xestión realizada pola Xunta de Fraga levou ao sacrificio de miles de animais, enterramentos clandestinos e perdas millonarias para os gandeiros. A ministra de Sanidade, Celia Villalobos, tamén acadou notoriedade pola súa incompetencia para abordar o problema. O  tempo amosou que a ameaza para a saúde humana era moi inferior ao anunciado.

-A gripe aviaria: o virus é identificado en Corea en decembro de 2003. A partir dese momento millóns de aves son sacrificadas en Asia mentras algunhas persoas, en contacto cos animais de granxa, son afectadas por esta variante. A FAO advirte que “só existe unha pequena marxe de oportunidade” para conter a doenza. O temor de que o virus poida ser transmitido de persoa a persoa xera o pánico global. Laboratorios Roche fai un gran negocio: o antivírico Tamiflu (patente mercada á empresa Gilea, propiedade de Donald Rumsfeld) é presentado como a resposta á pandemia. A empresa é propietaria tamén do 90% da producción de anís estrelado, de onde se extrae o fármaco. O sector avícola sofre enormes perdas e a gripe aviaria non foi tan letal como se prognosticaba. O Tamiflu mercado polos gobernos é destruido tempo despois.

-A gripe A: o virus H1N1 (denominado virus da gripe porcina nos seus inicios), detectado en marzo de 2009 en México, era moi contaxioso pero benigno: pronto se soubo. Máis a OMS declarou en xuño a máxima alerta de pandemia. As prediccións falaban de miles de mortos e millóns de pacentes ingresados. De novo Roche fixo negocio co Tamiflu (que non foi utilizado) e os gobernos mercaron millóns de vacinas (a GSK e Sanofi) que non chegaron a aplicarse. Os centros sanitarios elaboraron complexos plans e gastáronse cantidades inxentes de xeito innecesario. A OMS cae no descrédito, despois de coñecerse turbos conflictos de interese nos seus asesores.

 -E. coli: A orixe do brote de “E. coli” pode estar nunha plantación de soia en Alemaña, máis nun principio sinalaron, de forma precipitada e irresponsable, aos cogombros de Almería: a cepa responsable nunca foi detectada nese producto. A alarma producida sobre a seguridade alimentaria tardará en arranxarse. De momento, o  dano ocasionado ao sector é enorme e provocou un conflicto, ainda sen resolver, no seu da Unión Europea: os productores reclaman cuantiosas indemnizacións. Despois de 35 mortos e máis de 4000 afectados, o brote empeza a remitir. En algúns hospitais empregouse, de xeito experimental, un medicamento, o eculizumab, considerado o fármaco máis caro do mundo...

sábado, 4 de junio de 2011

O capitalismo do desastre

http://www.galiciahoxe.com/opinion/gh/capitalismo-do-desastre/idEdicion-2011-06-06/idNoticia-676237/

C. Rice, Secretaria de Estado EEUU
O tsunami de 2004 destrozou as costas do sur de Asia, provocou perto de 300.000 mortos e deixou un rastro de dor e miseria. Pero Condoleeza Rice non amosou piedade polas víctimas e declarou que este desastre natural foi “unha maravillosa oportunidade” que lle aportou a EEUU grandes dividendos. A costa non se está a reconstruir como era (pobos de pescadores que vivían do mar con redes feitas a man). Centos de miles de persoas foron forzadas a vivir no interior, en barracas, mentras a explendida costa é ocupada por empresas estranxeiras que restauran praias e levantan hoteis e aeroportos privados para uso e disfrute dos privilexiados. Naomi Klein denunciou estes feitos e no seu libro “A doutrina do shock” describe como, aproveitando a situación de conmoción, caos e desamparo –e seguindo as doutrinas de Milton Friedman-, moitos gobernos aproveitan as crises económicas, os desastres naturais, as guerras e as "epidemias" para recortar dereitos, potenciar o libre mercado e favorecer grandes negocios. 

Naomi Klein
Cando non se produce un desastre natural os ultraliberais tentan provocar situacións de alarma social que lles permitan adoptar medidas impopulares sen que a poboación se rebele. O PP domina esta estratexia: leva tempo alimentando o temor para que a xente asuma as perdas con absoluta resignación. Este é o seu modo de actuar.

-Ante a crise económica, en lugar de favorecer os acordos parlamentarios precisos e xenerar un clima de confianza no futuro, o seu portavoz económico (Montoro) afirma que estamos no borde do precipicio, e Aznar encárgase de explicar polo mundo que España será incapaz de saír da crise. Ése é o seu modo de entender o patriotismo. O seu plantexamento é: canto peor, mellor (para el e os seus). Ante o abismo: un empuxón.


"¡Que rico esstá el pepino!.."
-O brote de “E. Coli” en Alemaña provocou unha situación de conflicto ao atribuir inicialmente a orixe do contaxio a España. O goberno actuou con serenidade e contundencia mentras o PP relacionaba a “crise do pepino” coa “debilidade” do goberno. Máis cando éste convocou unha reunión do Consello Interterritorial de Sanidade para abordar, entre outros,  este problema, os conselleiros populares fixeron un plante e non asistiron. Pero Rajoy xa fixera unha foto comendo cogombro: ese é o seu nivel de compromiso.

-Agora o PP vai acceder ao poder en varias comunidades. Antes de ocupar os despachos xa está a sementar a alarma. Afirman que Castela-A Mancha está en quebra e que non hai diñeiro para pagar as nóminas dos funcionarios. É unha afirmación gratuita: non é posible que coñezan eses datos. Pero forma parte da propaganda: despois virán os recortes e tentarán que creamos que non había máis remedio. Rajoy xa nos avisou: “Teremos o estado de benestar que poidamos”. Observar estas estratexias mendaces e tramposas fai que nos indignemos. Pero, como dixo Stéphane Hessel a indignación debe ir seguida de compromiso”.