domingo, 12 de junio de 2011

As alarmas sanitarias

http://www.galiciahoxe.com/opinion/gh/as-alarmas-sanitarias/idEdicion-2011-06-13/idNoticia-678282/ 

No mundo occidental a existencia é confortable, polo momento, e temos unha esperanza de vida ao nacer como nunca houbo na historia da humanidade (81,5 anos en España). Pero a xente, en vez de atoparse segura e feliz, síntese ameazada por perigos reais ou imaxinarios procedentes da propia natureza ou da actividade de home. O sociólogo alemán Ulrich Beck acuñou o termo “sociedade do risco” para describir esta situación tan contradictoria. Segundo o seu criterio o destino das persoas atópase, na sociedade actual, baixo o signo do medo. O perigo pode xurdir en calquera momento: vivimos en estado de alerta permanente.

No ámbito sanitario prodúcense periódicamente situacións de alarma que provocan o pánico xeral. Reproducen sempre o mesmo esquema: existe un risco potencial para a saúde, un organismo internacional declara o estado de alerta, os medios de comunicación fan un seguemento exhaustivo da noticia e esaxeran o perigo, un sector produtivo (agrícola, gandeiro..) é perxudicado pola alarma, pode aparecer unha terapia para atallar a doenza (que xenera enormes ingresos á industria farmacéutica) e, finalmente, a historia amosa que o risco era menor do anunciado. Vexamos algúns exemplos.

 -As vacas tolas: en novembro de 2000 apareceu en Galicia o primeiro caso de “vacas tolas”, que ata o momento só afectara ao Reino Unido. A  encafalopatía  esponxiforme bovina  (EEB) é unha doenza causada por prións que afecta ao gando. É un problema de sanidade animal que, daquela, xerou o pánico ante o anuncio de que esta  grave afección neurolóxica afectaría masivamente ás persoas. Unha desastrosa xestión realizada pola Xunta de Fraga levou ao sacrificio de miles de animais, enterramentos clandestinos e perdas millonarias para os gandeiros. A ministra de Sanidade, Celia Villalobos, tamén acadou notoriedade pola súa incompetencia para abordar o problema. O  tempo amosou que a ameaza para a saúde humana era moi inferior ao anunciado.

-A gripe aviaria: o virus é identificado en Corea en decembro de 2003. A partir dese momento millóns de aves son sacrificadas en Asia mentras algunhas persoas, en contacto cos animais de granxa, son afectadas por esta variante. A FAO advirte que “só existe unha pequena marxe de oportunidade” para conter a doenza. O temor de que o virus poida ser transmitido de persoa a persoa xera o pánico global. Laboratorios Roche fai un gran negocio: o antivírico Tamiflu (patente mercada á empresa Gilea, propiedade de Donald Rumsfeld) é presentado como a resposta á pandemia. A empresa é propietaria tamén do 90% da producción de anís estrelado, de onde se extrae o fármaco. O sector avícola sofre enormes perdas e a gripe aviaria non foi tan letal como se prognosticaba. O Tamiflu mercado polos gobernos é destruido tempo despois.

-A gripe A: o virus H1N1 (denominado virus da gripe porcina nos seus inicios), detectado en marzo de 2009 en México, era moi contaxioso pero benigno: pronto se soubo. Máis a OMS declarou en xuño a máxima alerta de pandemia. As prediccións falaban de miles de mortos e millóns de pacentes ingresados. De novo Roche fixo negocio co Tamiflu (que non foi utilizado) e os gobernos mercaron millóns de vacinas (a GSK e Sanofi) que non chegaron a aplicarse. Os centros sanitarios elaboraron complexos plans e gastáronse cantidades inxentes de xeito innecesario. A OMS cae no descrédito, despois de coñecerse turbos conflictos de interese nos seus asesores.

 -E. coli: A orixe do brote de “E. coli” pode estar nunha plantación de soia en Alemaña, máis nun principio sinalaron, de forma precipitada e irresponsable, aos cogombros de Almería: a cepa responsable nunca foi detectada nese producto. A alarma producida sobre a seguridade alimentaria tardará en arranxarse. De momento, o  dano ocasionado ao sector é enorme e provocou un conflicto, ainda sen resolver, no seu da Unión Europea: os productores reclaman cuantiosas indemnizacións. Despois de 35 mortos e máis de 4000 afectados, o brote empeza a remitir. En algúns hospitais empregouse, de xeito experimental, un medicamento, o eculizumab, considerado o fármaco máis caro do mundo...

No hay comentarios:

Publicar un comentario