jueves, 16 de junio de 2011

Razóns de primeira división

Xa teño falado algunha vez da miña afección polo fútbol. Levo máis de cincuenta anos tentando aprender e aínda non abandonei o empeño. Deixando a un lado as miñas carencias como xogador, que son dabondo, hai xa un tempo que estou entregado a un novo reto: dende hai máis de dez anos –tiña cinco o meu fillo Daniel- colaboro cos salesianos do Colexio Calvo Sotelo; exerzo de adestrador dos equipos de fútbol base no barrio de Labañou. Nesta tempada que ven de rematar conseguimos o ascenso dos infantís á primeira división autonómica. ¡Sinto a mesma ledicia que Guardiola cando gañou a Champions!
Emprego boa parte do meu tempo de lecer neste labor e, despois de darlle unhas cantas voltas, coido que hai varias razóns para que non desista. En primeiro lugar está a miña afección por esta práctica, que me ten reportado momentos de disfrute colectivo e a posibilidade de compartir esta paixón con moitos compañeiros.
Tamén considero que este deporte, como outras actividades de grupo, ten un grande potencial educativo; os rapaces poden aprender o valor do esforzo e da humildade, do espíritu solidario, do traballo en equipo, do apoio aos compañeiros, do respecto aos contrarios. Poden aprender a gañar e a perder con elegancia, sabendo tolerar a euforia e a frustración, que niso vai consistir a vida que lles agarda.
Hai unha terceira razón para que leve tanto tempo adicado a esta tarefa. Chámase Severino Pérez. Este home de máis de setenta anos conserva o entusiasmo e a alegría de vivir intactos. A súa actitude ante a vida resulta exemplar (a docencia, o deporte e o teatro son as súas paixóns). Él foi o principal impulsor deste proxecto deportivo, que se iniciou con vinte rapaces e agora acolle máis de douscentos. O seu impulso xeneroso, o constante traballo cotiá, o compromiso infatigable (chova ou queime o sol nunca faltou a un partido) son elementos dabondo para contribuir nesta empresa que ten, con toda certeza, unha  influencia moi positiva nos rapaces do meu barrio. Desde esta humilde páxina eu reclamo a berros: ¡un monolito, unha praza, unha rúa principal adicada a este home de ben! 
Hai outra razón importante para persistir no empeño. Formouse un grupo darredor deste proxecto, de altísima cualificación profesional, integrado por excelentes persoas. É un pracer compartir tarefas con Tojo, Lamas, César, Pedro, Gilberto, Cousido, Abraham,... ¡Quén lle dera este equipo técnico ao Real Madrid! Non andarían queixándose tanto dos árbitros…Tamén é valioso saber que os pais non agardan de nós a excelencia deportiva e que prestan atención a outro tipo de detalles: entenden que é máis importante formar persoas que conseguir figuras do balompé.
Finalmente debo decir que tiven a grande fortuna de dirixir nesta tempada que remata a un grupo de rapaces excepcional, con grandes cualidades deportivas e humanas. O éxito é froito do seu compromiso co grupo, do esforzo constante nos adestramentos e nos campos de xogo, da unidade do equipo na procura dun obxectivo común. Para todos eles a miña felicitación e o meu afecto. Aquí están na foto, nun dos últimos partidos xogados no campo de Meicende, perto das chemineas de refinería. Non están todos (faltan: Rubén, Aitor, David, Neira, Mario e Marcos).

De pé: Pablo, Adrián, Andrés, Diego, Fernando, Sergio, Oscar, Jove, Naveira, Severino.  
Agachados: M.Anxo, Martín, Miguel, Rubén II, Iván, Nacho.





1 comentario:

  1. ¡Enhorabuena por el ascenso! Me parecen muy buenas razones. Me gusta eso de que "é máis importante formar persoas que conseguir figuras ..." Un ejemplo del deporte que, creo yo, vale para todos los ámbitos de la vida.
    Un saludo.

    ResponderEliminar