jueves, 25 de junio de 2015

A expropiación de dereitos consolidados







Hai un principio xurídico, de amplia aceptación entre os defensores dos Dereitos Humanos, que prescribe a prohibición do retroceso social. Un libro de Christian Courtis (“Ni un paso atrás. La prohibición de regresividad en materia de derechos sociales") recolle unha abondosa documentación sobre esta materia. Entenden os xuristas que as sociedades avanzan cara adiante e que os dereitos e conquistas sociais deben considerarse irreversibles (o voto, a protección social, a educación, a sanidade, a xubilación, etc). Por esa razón os gobernantes deberían ter como obriga principal da súa actuación a continuidade e mellora destas conquistas colectivas.

Mais non é así. Os actuais gobernantes, imbuidos pola ideoloxía ultraliberal, son defensores da chamada “teoría do derramo. Esta teoría (presentada como unha verdade científica cando non é máis que un cruel enunciado ideolóxico) defende que os bos resultados macroeconómicos deixan sentir os seus efectos nos estratos máis acomodados da sociedade para, posteriormente, ir derramándose ao resto da sociedade. A experiencia non confirma este aserto; en realidade o vaso non acaba nunca de encher e ainda menos de derramar o seu líquido. En Hispanoamérica, nos anos oitenta e noventa, enríquecéronse os ricos, pero os pobres quedaron instalados na pobreza. Agora, no sur de Europa, como consecuencia da crise económica, medraron de maneira obscena as grandes fortunas mentres hai unha crecente porcentaxe da poboación ao borde da miseria. Podemos recordar a Emilio Botín, poucos días antes da súa morte, anunciando enfático: “Nos entra dinero, nos llega dinero por todas partes”.  Mais este enriquecemento, sen a intervención política, non se transforma automáticamente en desenvolvemento social.


A situacion que vivimos nos últimos dez anos en España (os recortes, a restricción de dereitos, a perda de protección social, o desmantelamento da sanidade e da educación,a suspensión do dereito á dependencia, etc.) non é consecuencia da crise nin da “herdanza recibida”. É o froito de decisións políticas promovidas desde instancias internacionais (FMI, BCE) e aplicadas con crueldade polos gobernantes do Partido Popular que fan recaer as consecuencias da crise sobre as clases máis desfavorecidas e vulnerables, protexendo e mellorando, mentres tanto, os intereses dos máis ricos e poderosos. Camiñamos así cara un abismo social, lévannos, sen que lles temble o pulso, cara un novo mundo feudal (como anunciou Antón Losada nun libro recente). Están procedendo a unha expropiación programada de dereitos que creíamos consolidados e devolven a sociedade a unha situación preconstitucional, coa xustiza transformada en caridade e os dereitos convertidos en beneficencia.

Para levar a cabo esta política regresiva o PP empregou, de xeito implacable, o rodillo parlamentario. Lexislou, desde o acceso ao poder en novembro de 2011, mediante Reais Decretos Leis (RDL), que van do Consello de Ministros ao BOE, sen pasar polo Parlamento. O artigo 86 da Constitución dí que esta fórmula só debe empregarse “en casos de extraordinaria e urxente necesidade”. Esta ferramenta lexislativa tan poderosa (o Goberno lexisla directamente sen debate nin enmendas no Congreso),  foi utilizada de maneira compulsiva polo PP. En 2012 publicou un total de 26 RDL: un auténtico récord. Agora, sen rematar a lexlslatura, anda perto dos oitenta. Trátase, con toda evidencia, dun fraude democrático, dunha burla ao Parlamento e á propia cidadanía. 

Este foi o procedemento utilizado para impor o RDL 16/2012 (asinado polo rei cazador de elefantes) que, con todo cinismo, dín que vai dirixido a garantir a sustentabilidade do sistema sanitario cando, en realidade, trátase dun atentado frontal contra o mesmo (suprimiu o dereito á saúde de todos os cidadáns e recuperou a figura do “asegurado”, provocou a exclusión sanitaria dun millón de persoas, impuxo copagos abusivos e retirou da cobertura sanitaria máis de 400 fármacos). Xa o contei noutra ocasión, pero cómpre lembrar a cronoloxía. Esta lei foi publicada en abril de 2012, aos tres meses de tomar posesión o goberno de Mariano Rajoy.  Non é posible elaborar unha lei tan complexa en tan pouco tempo. Así pois, este texto xa estaba escrito cando, na campaña electoral, prometían o contrario. Trátase dun engaño programado, unha mentira colectiva coa que defraudan, sobre todo, aos seus propios votantes, que lle deron a confianza para aplicar outras medidas (as que prometían) ben distintas das que levaban escritas na súa “axenda oculta”.

Cómpre recuperar o dominio do público para impulsar outras políticas en beneficio da maioría social. É urxente restaurar o control dos orzamentos para decidir como se recauda e para qué se emprega o recaudado. É necesario controlar o BOE para publicar leis favorables ao pobo. No mes de marzo a organización Medicos del Mundo presentou no Parlamento de Madrid unha proposta para derogar este RDL como primeira medida en materia sanitaria cando haxa un cambio de goberno. Asinaron todos os grupos políticos agás o PP e Ciudadanos. Xa sabemos con quen non se pode contar.




martes, 16 de junio de 2015

Dous libros magníficos






O pasado día once de xuño deuse a coincidencia de que se presentaran ao público dous libros excelentes na cidade da Coruña. O azar, ou destino, ten, ás veces, estas ocurrencias.

Na Fundacion Luis Seoane celebrouse un acto, brillante e multitudinario, para presentar o libro-disco “Cadros dunha exposición” (Kalandraka), do que son autores José Antonio Abad (texto) e Xosé Cobas (ilustracións); o quinteto de metais Hércules Brass fixo unha extraordinaria actuación, interpretando pezas de Mussorgsky. O acto foi unha auténtica celebración de música e literatura e o numeroso público asistente ficou entusiasmado. 

José Antonio Abad, psicólogo e pedagogo, adica a súa xubilación a escribir “contos con música” para nenos e non tan nenos. O meu amigo Xosé Cobas é un dos mellores ilustradores do país, e así o ten demostrado en máis dun centenar de libros que contan co seu luminoso traballo de ilustración. Este libro, que teño agora enriba da mesa, é unha auténtica xoia, unha obra de arte na que Cobas demostra a súa extraordinaria mestría, que o fixo merecedor de numerosos premios nacionais e internacionais. 

 
Ese mesmo día, e á mesma hora, presentouse, na libraría Lume, unha antoloxía de poemas de sempre , “Los poemas que no puedes dejar de conocer”, realizada polo profesor José A. Ponte Far, que reúne obras da poesía castelá, hispanoamericana e galega. Houbo un recital poético no que participaron, entre outros, os grandes poetas Xulio Valcárcel e Miguel Anxo Fernán Vello. Foi un acto máis íntimo, pero cunha grande altura literaria. Se o primeiro libro é unha obra de arte en sí mesmo, este outro (con ilustracións de Perico Castro), máis modesto na súa presentación, é a obra dun sabio. 

Porque hai que saber moito de poesía e ter unha gran capacidade didáctica para realizar esta selecta recopilación que quere servir para que os que non son lectores habituais de poesía cheguen a coñecela e disfrutala. O autor lembrou como, na súa adolescencia, comezou a amar a poesía coa lectura de “Las cien mejores poesías de la lengua castellana” de don Marcelino Menéndez Pelayo, na biblioteca do casino de Negreira, mentres o seu primo xogaba ás cartas. Esa é a vocación deste libro: achegar a poesía ao maior número posible de lectores.

Ponte Far é catedrático de Lingua castelán e Literatura e ten unha longa traxectoria como profesor, agora xubilado. A selección que presenta, ainda que respecta os criterios estéticos estabelecidos polo bo gusto literario, responde, en definitiva, ás súas preferencias persoais. O libro vai “desde Gonzalo de Berceo ata Miguel d´Ors, desde Rosalía a Xulio Valcárcel, desde sor Inés de la Cruz a Mario Benedetti”. Coincido co autor en que este libro debería estar nas escolas e  nos institutos, e tamén nas bibliotecas públicas e en todas as casas, para fomentar o pracer da lectura e o gusto pola poesía.


Recomendo con entusiasmo estes dous volumes aos amantes dos libros e da literatura, por dúas razóns: porque son dúas obras excelentes, que paga a pena ler e gardar para o futuro. E tamén porque os dous autores (Xosé Cobas e Ponte Far) son amigos meus e conveciños das terras de Barcala. Tamén é casualidade, ou cousa do destino, que dous veciños da mesma parroquia de Logrosa (Negreira) viñeran presentar na Coruña dous libros, magníficos, o mesmo día e á mesma hora! Coa cantidade de días que ten o ano!


Perico Castro, Xulio L. Valcárcel, José A. Ponte Far, Pablo Vaamonde, Miguel Anxo Fernán Vello







jueves, 11 de junio de 2015

A polémica vacina da meninxite B







A meninxite é unha enfermidade infecciosa grave que, nalgúns casos, pode provocar a morte. Todos os anos hai algún caso letal. Pode ser provocada por virus ou por bacterias que, á súa vez, poden ser de varias clases, sendo as máis frecuentes as provocadas polos meningococos A, B e C. No calendario infantil está incluida a vacina contra o meningococo C, mais existe unha fonda controversia pola inclusión da vacina contra a meninxite B, que actualmente só está autorizada para uso hospitalario.

Nos últimos meses morreron tres persoas na bisbarra da Coruña -en Oleiros e Arteixo- afectadas por meninxite B. Existe unha preocupación cidadá evidente, amplificada polos medios de comunicación e mal contrarrestada polas autoridades sanitarias. Ainda que este tipo de meninxite ten unha  incidencia moi baixa en España, moitos pais están preocupados  e outros viaxan a Portugal  na procura dunha vacina que non se administra nos Centros de Saúde nin está dispoñible nas oficinas de Farmacia. Hai razóns para tanta alarma colectiva?

 
Os motivos para a preocupación sempre son razoables, sobre todo cando falamos da saúde dos nenos. Mais neste caso hai unha extraña confluencia do temor colectivo co sensacionalismo dos medios e os intereses da industria farmacéutica que, desde a sombra, alimenta a alarma social  e promove a demanda dunha solución (a vacina) que, polo que se sabe ata o momento, non é a panacea absoluta a este problema, tal como queren facer ver.

Porque a realidade é que a eficacia clínica desta vacina non se avaliou por medio de ensaios clínicos (como é de rigor) senon que foi deducida por medio de estudos de inmunoxenicidade. Un organismo independende e rigoroso como a SESPAS (Sociedad Española de Salud Pública y Administración Sanitaria) elaborou un informe no que afirma que os ensaios clínicos de seroconversión non deron resultados suficientes, porque cunha incidencia tan baixa de enfermidade, parece imposible avaliar a eficacia cos ensaios clínicos habituais. Polo tanto, a introducción desta vacina no mercado parece basearse nas boas intencións á espera de estudos de fase IV (post-comercialización). 

A vacina “experimental” Bexsero, fabricada polo poderoso laboratorio Novartis, se chega a aplicarse masivamente aos nosos nenos, sería a primeira vacina que se comercializa sen dispor de datos de eficacia clínica, coa incerteza de que poida realmente interrumpir a circulación das bacterias e manter a inmunidade de grupo. Os nosos nenos poderían servir de “cobaias” ao laboratorio, que obtería unha información moi importante sobre a eficacia e a seguridade deste produto despois da aplicación masiva na poboación infantil. Ninguen pode asegurar que non se van provocar danos e prexuicios con esta práctica, pois o perfil de seguridade da vacina está por comprobar.

É moi posible que a AEMPS (Agencia Española de Medicamentos e Productos Sanitarios) se teña precipitado dando vía libre a unha vacina cunha efectividade pouco avaliada e tamén é posible que as asociacións profesionais  que defenden o seu uso se equivoquen na súa análise pois sempre é preciso estar seguro de que a vacina é realmente eficaz e efectiva, cousa dudosa coa información actual. Dase o caso de que algunhas das sociedades profesionais que apoian abertamente a inclusión desta vacina no calendario infantil teñen, en maoir ou menor medida, conflitos de interese e vínculos estreitos coa industria farmacéutica

Cos datos dispoñibles na actualidade, procedentes de fontes non contaminadas, podemos concluir que a meninxite B (ainda que sexa unha doenza grave) ten unha baixa incidencia e que esta vacina carece de datos suficientes que avalen a súa eficacia e seguridade. Tamén pode ocurrir, no caso de que se aplicase masivamente, que os nosos nenos sexan utilizados para “experimentar” coa vacina e obter datos sobre a mesma ainda descoñecidos. 

Hai que defender e apoiar as vacinas “de sempre”, que teñen evitado tantas doenzas e salvado tantas vidas. Só pretendemos sinalar as zonas de sombra existentes na introducción de novas vacinas no calendario. Porque hai empresas con fortes intereses económicos, cómplices debidamente remunerados e unha Administración errática, que non é capaz de defender o ben común fronte ás presións dos poderosos lobbies patrocinados por Farmaindustria.