Hai un principio xurídico, de
amplia aceptación entre os defensores dos Dereitos Humanos, que prescribe a prohibición do retroceso social. Un
libro de Christian Courtis (“Ni un paso
atrás. La prohibición de regresividad en materia de derechos sociales") recolle unha
abondosa documentación sobre esta materia. Entenden os xuristas que as
sociedades avanzan cara adiante e que os dereitos e conquistas sociais deben
considerarse irreversibles (o voto, a protección social, a educación, a
sanidade, a xubilación, etc). Por esa razón os gobernantes deberían ter como
obriga principal da súa actuación a continuidade e mellora destas conquistas
colectivas.
Mais non é así. Os actuais
gobernantes, imbuidos pola ideoloxía ultraliberal, son defensores da chamada “teoría do derramo”. Esta teoría
(presentada como unha verdade científica cando non é máis que un cruel
enunciado ideolóxico) defende que os bos resultados macroeconómicos deixan
sentir os seus efectos nos estratos máis acomodados da sociedade para,
posteriormente, ir derramándose ao
resto da sociedade. A experiencia non confirma este aserto; en realidade o vaso
non acaba nunca de encher e ainda menos de derramar o seu líquido. En
Hispanoamérica, nos anos oitenta e noventa, enríquecéronse os ricos, pero os
pobres quedaron instalados na pobreza. Agora, no sur de Europa, como
consecuencia da crise económica, medraron de maneira obscena as grandes
fortunas mentres hai unha crecente porcentaxe da poboación ao borde da miseria.
Podemos recordar a Emilio Botín, poucos días antes da súa morte, anunciando
enfático: “Nos entra dinero, nos llega
dinero por todas partes”. Mais este
enriquecemento, sen a intervención política, non se transforma automáticamente
en desenvolvemento social.
A situacion que vivimos nos
últimos dez anos en España (os recortes, a restricción de dereitos, a perda de
protección social, o desmantelamento da sanidade e da educación,a suspensión do
dereito á dependencia, etc.) non é consecuencia da crise nin da “herdanza
recibida”. É o froito de decisións políticas promovidas desde instancias
internacionais (FMI, BCE) e aplicadas con crueldade polos gobernantes do
Partido Popular que fan recaer as consecuencias da crise sobre as clases máis
desfavorecidas e vulnerables, protexendo e mellorando, mentres tanto, os
intereses dos máis ricos e poderosos. Camiñamos así cara un abismo social,
lévannos, sen que lles temble o pulso, cara un novo mundo feudal
(como anunciou Antón Losada nun libro recente). Están procedendo a unha
expropiación programada de dereitos que creíamos consolidados e devolven a
sociedade a unha situación preconstitucional, coa xustiza transformada en
caridade e os dereitos convertidos en beneficencia.
Para levar a cabo esta política
regresiva o PP empregou, de xeito implacable, o rodillo parlamentario.
Lexislou, desde o acceso ao poder en novembro de 2011, mediante Reais Decretos
Leis (RDL), que van do Consello de
Ministros ao BOE, sen pasar polo Parlamento. O artigo 86 da Constitución dí que
esta fórmula só debe empregarse “en
casos de extraordinaria e urxente necesidade”. Esta ferramenta lexislativa
tan poderosa (o Goberno lexisla directamente sen debate nin enmendas no Congreso), foi utilizada de maneira compulsiva polo PP.
En 2012 publicou un total de 26 RDL: un auténtico récord. Agora, sen rematar a lexlslatura, anda
perto dos oitenta. Trátase, con toda evidencia, dun fraude democrático, dunha
burla ao Parlamento e á propia cidadanía.
Este foi o procedemento utilizado
para impor o RDL 16/2012 (asinado
polo rei cazador de elefantes) que, con todo cinismo, dín que vai dirixido a
garantir a sustentabilidade do sistema sanitario cando, en realidade, trátase
dun atentado frontal contra o mesmo (suprimiu o dereito á saúde de todos os
cidadáns e recuperou a figura do “asegurado”, provocou a exclusión sanitaria
dun millón de persoas, impuxo copagos abusivos e retirou da cobertura sanitaria
máis de 400 fármacos). Xa o contei noutra ocasión, pero cómpre lembrar a
cronoloxía. Esta lei foi publicada en abril de 2012, aos tres meses de tomar
posesión o goberno de Mariano Rajoy. Non
é posible elaborar unha lei tan complexa en tan pouco tempo. Así pois, este texto xa estaba escrito cando, na
campaña electoral, prometían o contrario. Trátase dun engaño programado,
unha mentira colectiva coa que defraudan, sobre todo, aos seus propios
votantes, que lle deron a confianza para aplicar outras medidas (as que
prometían) ben distintas das que levaban escritas na súa “axenda oculta”.
Cómpre recuperar o dominio do
público para impulsar outras políticas en beneficio da maioría social. É
urxente restaurar o control dos orzamentos para decidir como se recauda e para
qué se emprega o recaudado. É necesario controlar o BOE para publicar leis favorables ao
pobo. No mes de marzo a organización Medicos del Mundo presentou no Parlamento
de Madrid unha proposta para derogar este RDL como primeira medida en materia sanitaria cando haxa un cambio de goberno. Asinaron todos os grupos políticos agás o
PP e Ciudadanos. Xa sabemos con quen non se pode contar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario