O pasado día once de xuño deuse a coincidencia de que se
presentaran ao público dous libros excelentes na cidade da Coruña. O azar, ou
destino, ten, ás veces, estas ocurrencias.
Na Fundacion Luis Seoane celebrouse un acto, brillante e
multitudinario, para presentar o libro-disco “Cadros dunha exposición” (Kalandraka), do que son autores José
Antonio Abad (texto) e Xosé Cobas (ilustracións); o quinteto de metais Hércules
Brass fixo unha extraordinaria actuación, interpretando pezas de Mussorgsky. O
acto foi unha auténtica celebración de música e literatura e o numeroso público
asistente ficou entusiasmado.
José Antonio Abad, psicólogo e pedagogo, adica a súa
xubilación a escribir “contos con música” para nenos e non tan nenos. O meu
amigo Xosé Cobas é un dos mellores
ilustradores do país, e así o ten demostrado en máis dun centenar de libros que
contan co seu luminoso traballo de ilustración. Este libro, que teño agora
enriba da mesa, é unha auténtica xoia, unha obra de arte na que Cobas demostra
a súa extraordinaria mestría, que o fixo merecedor de numerosos premios
nacionais e internacionais.
Ese mesmo día, e á mesma hora, presentouse, na libraría Lume,
unha antoloxía de poemas de sempre , “Los
poemas que no puedes dejar de conocer”, realizada polo profesor José A. Ponte Far, que reúne obras da
poesía castelá, hispanoamericana e galega. Houbo un recital poético no que
participaron, entre outros, os grandes poetas Xulio Valcárcel e Miguel Anxo
Fernán Vello. Foi un acto máis íntimo, pero cunha grande altura literaria. Se o
primeiro libro é unha obra de arte en sí mesmo, este outro (con ilustracións de Perico Castro), máis modesto na súa
presentación, é a obra dun sabio.
Porque hai que saber moito de poesía e ter
unha gran capacidade didáctica para realizar esta selecta recopilación que quere
servir para que os que non son lectores habituais de poesía cheguen a coñecela
e disfrutala. O autor lembrou como, na súa adolescencia, comezou a amar a
poesía coa lectura de “Las cien mejores poesías de la lengua castellana” de don
Marcelino Menéndez Pelayo, na biblioteca do casino de Negreira, mentres o seu
primo xogaba ás cartas. Esa é a vocación deste libro: achegar a poesía ao maior
número posible de lectores.
Ponte Far é catedrático de Lingua castelán e Literatura e ten
unha longa traxectoria como profesor, agora xubilado. A selección que presenta,
ainda que respecta os criterios estéticos estabelecidos polo bo gusto
literario, responde, en definitiva, ás súas preferencias persoais. O libro
vai “desde Gonzalo de Berceo ata Miguel d´Ors, desde Rosalía a Xulio Valcárcel,
desde sor Inés de la Cruz a Mario Benedetti”. Coincido co autor en que este
libro debería estar nas escolas e nos
institutos, e tamén nas bibliotecas públicas e en todas as casas, para fomentar
o pracer da lectura e o gusto pola poesía.
Recomendo con entusiasmo estes dous volumes aos amantes dos
libros e da literatura, por dúas razóns: porque son dúas obras excelentes, que
paga a pena ler e gardar para o futuro. E tamén porque os dous autores (Xosé
Cobas e Ponte Far) son amigos meus e conveciños das terras de Barcala. Tamén é
casualidade, ou cousa do destino, que dous veciños da mesma parroquia de
Logrosa (Negreira) viñeran presentar na Coruña dous libros, magníficos, o mesmo
día e á mesma hora! Coa cantidade de días que ten o ano!
Perico Castro, Xulio L. Valcárcel, José A. Ponte Far, Pablo Vaamonde, Miguel Anxo Fernán Vello |
Gracias, Pablo, polos eloxios que me correponden polo meu libro. Pero creo que aquí o que realmente é unha obra de arte é o de Cobas e Abad. O meu é unha modesta invitación a entrar na poesía. Si o conseguira con moita xente nova, entonces sí sería importante.
ResponderEliminarUnha aperta forte, paisana e veciñal.
Pepe Ponte
Moitas grazas, Sr. Vaamonde, por acompañarnos na presentación de "Cadros dunha exposición". E ao Sr. Ponte pola súa xentileza.
ResponderEliminarAproveitamos a ocasión para facer partícipe o autor desta bitácora dunha pequena crónica gráfica do acto celebrado na Fundación Luís Seoane:
http://www.kalandraka.com/blog/2015/06/12/presentacion-de-cadros-dunha-exposicion-na-coruna-2/
E para quen non tivera ocasión de escoitar as magníficas intervencións de José Antonio Abad e Xosé Cobas, ás que se sumou a non menos brillante introdución do escritor Xabier P. Docampo, velaquí unha entrevista cos autores, en Radio3 (a partir do minuto 34):
http://www.rtve.es/alacarta/audios/la-hora-del-bocadillo/hora-del-bocadillo-vigilia-santi-arcas-cuadros-para-exposicion-13-06-15/3169024/
Saúdos cordiais dende Kalandraka Editora.