martes, 31 de marzo de 2015

Os donos do mundo




Nueva Tribuna


"Hai unha guerra de clases, e estámola gañando os ricos" afirmou o inversionista e multimillonario americano Warren Buffett. “Os ricos imos gañando” (Deusto) é o título que elixiu o profesor Antón Losada para o seu último libro, no que nos advirte de que estamos camiñando, a toda velocidade, cara un novo feudalismo. “Vén a España neofeudal”, afirma no libro, no cal explica como os ricos converteron a crise nunha oportunidade para desmontar o Estado de benestar que se logrou construír no mundo occidental nas últimas décadas. 


Non é o primeiro autor que fala do retorno ao feudalismo. O pensador francés Alain Minc publicou en 1993 un texto profético. No seu libro “A nova Idade Media” (Temas de hoy) xa advertía sobre o crecemento de “zonas grises”, que se multiplican á marxe de toda autoridade, desde a desorde rusa ata o deterioro das sociedades ricas polas mafias e a corrupción, que nos devolven a unha nova Idade Media. E preguntábase: Canto tempo ten que pasar aínda para que os europeos comprendan que cambiaron un mundo cunha ameaza, pero sen riscos, por un universo sen ameaza, pero con riscos”. Anunciaba esa nova Idade Media, co mundo “inmerso na confusión, a desorde e o retorno ao tribalismo”. 


Esta obra centrábase, sobre todo, na análise histórica e ideolóxica, pero Joaquín Estefania, nun libro do ano 2000, “O poder no mundo” (Plaza y Janés) incidía no mesmo tema desde a óptica económica. Afirmaba que a economía financeira substitúe á economía real, que os donos da mundialización teñen un inmenso poderío, de tal forma que o poder dos intermediarios privados eclipsa ao dos políticos electos. Entre eses intermediarios privados figuran as mafias, infiltradas no empresariado con moita intensidade. Advertía tamén este autor sobre a existencia dunha verdade mediática enfrontada á verdade real, e sobre a crecente tendencia dos medios de comunicación para poñerse ao servizo de intereses mercantís fronte ao dos seus propios clientes (lectores, oíntes, telespectadores). 


Nesta liña argumental incide Antón Losada no seu libro “Os ricos imos gañando”, no que, desde unha visión circular da historia, analiza “a evolución das sociedades capitalistas modernas cara unha orientación neomedieval”. Volvemos a un tempo antigo de criados e servos, de señores e vasallos; a un mundo dominado por élites poderosas que expropian dos seus dereitos a todos os demais converténdoos en súbditos. Advírtenos, tamén, que hoxe o pensamento está patrocinado, e que os donos do mundo son tamén os donos do relato. Eles constrúen e divulgan a súa propia versión dos feitos. “O diñeiro, nos países ricos, patrocina ideas” afirma Losada. Neste tempo de crise só se permite propagar a verdade patrocinada: todo o demais, din os poderosos, é populismo ou demagoxia.

Este texto valente e oportuno débenos animar para construír un relato alternativo que nos permita recuperar a forza colectiva, o espazo da política como terreo de defensa da cidadanía. Temos que ser capaces de axuntar forzas para facer fronte a este capitalismo salvaxe que ameaza con devolvernos á época feudal.


viernes, 20 de marzo de 2015

Defender o futuro





Os grupos económicos e os políticos cómplices que dominan o mundo expropiáronnos, en pouco tempo, as conquistas sociais e os dereitos cívicos conseguidos nas últimas décadas, e que criamos consolidados e sen posibilidade de retroceso. Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia) recordou nun discurso recente o principio de “prohibición de retroceso social”, que vulneran reiteradamente os nosos gobernantes. Porque hai unha estratexia global, deseñada nos foros onde cociñan o falso dogma neoliberal -ideoloxía clasista que pretenden presentar como evidencia científica-, e hai actores locais (na política e na economía especulativa) que aplican estas receitas sen pudor, mesmo sabendo o grave dano e o enorme sufrimento que provocan a moitas persoas. 




A xente común temos que organizarnos e defendernos para construír un futuro máis xusto e igualitario que o que están deseñando os facinorosos que dominan o planeta. O que sucedeu nos últimos anos no noso país -e noutras xeografías próximas-, non foi consecuencia dun tsunami -ou calquera outro fenómeno imparable da natureza-. A crise foi provocada pola feroz e implacable avaricia dos codiciosos que se apoderaron do mundo. Eles son -banqueiros, inversionistas, especuladores, xogadores do casino universal-, os causantes da crise, quen agora seguen lucrándose da mesma (xogando coa débeda pública, movendo segundo lles conveña a “prima de risco”, desvalixando as caixas de reserva de diñeiro público). 



A complicidade obscena dos intereses financeiros cos políticos no poder está producindo un empobrecemento xeneralizado, unha desesperanza crecente que afecta cada vez a máis persoas. A mocidade ten unha importante tarefa por diante. O movemento 15-M supuxo un revulsivo para moita xente -nova e non tan nova- desencantada da vella política e dos políticos corruptos. A indignación expresada naquel momento callou en movementos sectoriales moi activos (preferentistas, plataformas contra os desafiuzamentos, as mareas da educación e a sanidade, etc), e en grupos políticos que recollen cada vez máis apoio da cidadanía. 



 Hai cada vez máis conciencia de que as políticas impostas empobreceron as nosas vidas e ensombrecen o futuro. Cada vez é máis visible o muro que están levantando entre os que manexan o mundo e os que son cada vez máis pobres, cada vez é máis evidente a crecente desigualdade social que nos conduce a un mundo de señores e servos. Hai unha preocupación crecente pola contorna e polo coidado da saúde do planeta; hai grupos que reflexionan e actúan para procurar a soberanía alimentaria e a sustentabilidade da nosa vida futura; hai mozos que plantexan o retorno ao medio rural e outros que reflexionan sobre o peak oil, un futuro -próximo- sen petroleo (Véspera de nada). Cada vez hai máis persoas que perciben a necesidade de implicarse na acción social, xa que as políticas dominantes prexudican a nosa vida e a dos nosos descendentes. Toda esta enerxía hai que unificala para construír unha alternativa forte, que free o dominio actual das forzas da cobiza dedicadas ao saqueo.




lunes, 16 de marzo de 2015

Señores e servos

Galicia Confidencial





Amos e escravos. Foi Nietzsche quen falou (seguindo a Hegel) da moral de amos e escravos. O amo valora o orgullo e a fortaleza; o escravo valora a humildade e a compaixón. Defendía a existencia de dúas clases de homes: os señores e os servos. Os primeiros aprecian como bo o superior, forte e dominador. O escravo valora como “boas” as calidades dos débiles: a compaixón, a paciencia, a humildade; promove valores como a mansedume e a misericordia e critican o egoismo e a forza. Afirmaba que a loita entre culturas foi sempre entre romanos (amos, fortes) e xudeus (escravos, débiles). O poderoso filósofo acabou dominado pola demencia; as súas ideas, mal dixeridas, deron lugar ao delirio nazi, e provocaron unha das etapas máis ingnominiosas da historia universal da infamia. 


A sociedade do cansazo. O pensador Byung-Chul Han no seu libro A sociedade do cansazo, fai unha relectura desta metáfora: “A sociedade do traballo e do rendemento non é unha sociedade libre”. A dialéctica de amo e escravo non conduce a unha sociedade na que quen sexa apto para o lecer é un ser libre, senón máis ben a unha sociedade do traballo, na que o amo mesmo converteuse en escravo do traballo. Cada cal leva consigo o seu campo de traballos forzados: cada un é prisioneiro e celador, vítima e verdugo, á vez. Así, “un explótase a si mesmo, facendo posible a explotación sen dominio”. Entende este autor que na actualidade semella desaparecer a coerción externa e fannos ver que o traballo significa realización persoal. Un explótase a si mesmo, ata o colapso. En lugar da alienación aparece unha autoexplotación voluntaria. O home convértese nun animal laborans, lanzado a un horizonte de fracaso.


Prisioneiros dos mercados. Pero tamén é certo que o sur de Europa atópase en estado de shock, situación instrumentalizada polo réxime neoliberal. Grecia, e tamén España e Portugal, atópanse en estado de shock pola crise financeira. “E aí vén o diaño, que se chama liberalismo ou FMI, e dá diñeiro a crédito a cambio de almas humanas” afirma Han. Mentres un está nese estado de shock,  “empúxannos á flexibilización laboral, a competencia descarnada, a desregularización, os despedimentos”. 

Así, pois, xa non somos escravos de nós mesmos senón que están provocando -as forzas económicas e os políticos cómplices-, un regreso ao pasado onde a escravitude non é unha metáfora senón unha cruel e descarnada realidade. O traballo precario, a inseguridade e os salarios de subsistencia son cada vez máis frecuentes. Os dereitos laborais foron laminados e xa o doce por cento da poboación ocupada vive en fogares por baixo do limiar de pobreza. Nun contexto de empobrecemento crecente, ter emprego xa non é unha salvagarda ante a pobreza. Este retorno ao pasado lévanos a unha terrible realidade: a crecente proporción de traballadores pobres". Porque hoxe, os mozos, os que teñen contratos temporais ou a tempo parcial, as mulleres traballadoras, os que teñen baixo nivel formativo, os que superan os 45 anos e os menores que viven en familias onde existen empregos precarios e temporais: “todos eles soportan unha pobreza, e riscos en relación coa pobreza, descoñecidos en etapas anteriores. Porque traballar e ser pobre xa non son realidades incompatibles”.