Os grupos económicos e os políticos cómplices que dominan o mundo
expropiáronnos, en pouco tempo, as conquistas sociais e os dereitos cívicos
conseguidos nas últimas décadas, e que criamos consolidados e sen posibilidade
de retroceso. Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia) recordou nun
discurso recente o principio de
“prohibición de retroceso social”, que vulneran reiteradamente os nosos
gobernantes. Porque hai unha estratexia global, deseñada nos foros onde cociñan
o falso dogma neoliberal
-ideoloxía clasista que pretenden presentar como evidencia científica-, e hai
actores locais (na política e na economía especulativa) que aplican estas
receitas sen pudor, mesmo sabendo o grave dano e o enorme sufrimento que
provocan a moitas persoas.
A xente común temos que organizarnos e defendernos
para construír un futuro máis xusto e igualitario que o que están deseñando os
facinorosos que dominan o planeta. O que sucedeu nos últimos anos no noso país
-e noutras xeografías próximas-, non foi consecuencia dun tsunami -ou calquera
outro fenómeno imparable da natureza-. A
crise foi provocada pola feroz e implacable avaricia dos codiciosos que se
apoderaron do mundo. Eles son -banqueiros, inversionistas, especuladores,
xogadores do casino universal-, os causantes da crise, quen agora seguen
lucrándose da mesma (xogando coa débeda pública, movendo segundo lles conveña a
“prima de risco”, desvalixando as caixas de reserva de diñeiro público).
A complicidade
obscena dos intereses financeiros cos políticos no poder está producindo un
empobrecemento xeneralizado, unha desesperanza crecente que afecta cada vez a máis
persoas. A mocidade ten unha importante tarefa por diante. O movemento 15-M
supuxo un revulsivo para moita xente -nova e non tan nova- desencantada da
vella política e dos políticos corruptos. A indignación expresada naquel
momento callou en movementos sectoriales moi activos (preferentistas,
plataformas contra os desafiuzamentos, as mareas da educación e a sanidade,
etc), e en grupos políticos que recollen cada vez máis apoio da cidadanía.
Hai cada vez máis conciencia de que as políticas
impostas empobreceron as nosas vidas e ensombrecen o futuro. Cada vez é máis
visible o muro que están levantando entre os que manexan o mundo e os que son
cada vez máis pobres, cada vez é máis evidente a crecente desigualdade social que nos conduce a un mundo
de señores e servos. Hai unha preocupación crecente pola contorna e polo
coidado da saúde do planeta; hai grupos que reflexionan e actúan para procurar
a soberanía alimentaria e a sustentabilidade da nosa vida futura; hai mozos que
plantexan o retorno ao medio rural e outros que reflexionan sobre o peak oil, un futuro -próximo- sen
petroleo (Véspera de nada). Cada vez hai máis persoas que perciben a necesidade de implicarse na acción
social, xa que as políticas dominantes prexudican a nosa vida e a dos nosos
descendentes. Toda esta enerxía hai que unificala para construír unha alternativa forte, que free o dominio actual das forzas
da cobiza dedicadas ao saqueo.
Totalmente dacordo Pablo! agora a ver si somos capaces de remar todos nunha dirección , senón igual, parecida. Que da diversidade de criterios e opinións, tamén se aproveitan estes facinorosos que dis.
ResponderEliminarO 6 de Maio eleccións sindicais. Menos é nada. E que cada un poña o seu gran de area en todas as actividades que poda!!. Tranquila Semana Santa a tod@s!