martes, 21 de julio de 2015

A necesaria renovación do PSOE


Galicia Confidencial
Nueva Tribuna




A socialdemocracia europea, e tamén a española, foi cedendo, nos últimos anos, na fidelidade ao seu ideario, que comprometía aos partidos socialistas coa igualdade, coa defensa dos traballadores e dos servizos públicos e coa mellora do Estado de benestar, e que os debería posicionar, con total firmeza, fronte ao poder das oligarquías financeiras e fronte ás tramas dominantes -corruptas ou non- de calquera índole.

A excesiva permanencia no poder, a influencia -tan potente- dos poderes económicos, a chegada de "arribistas" aos postos de mando en busca de beneficio persoal, e certa frivolidade no exercicio do liderazgo: todos estes factores, e outros que non cito, levaron a que o PSOE, na vez de estar posicionado á beira dos traballadores -e impulsar políticas para a reducción da desigualdade e a mellora da protección social-, deixouse vencer para situarse, de forma maioritaria, á beira dos poderosos, favorecendo os seus intereses e executando políticas que perxudican á maioría e aos máis necesitados.

Rodriguez Zapatero, que na primeira parte do seu mandato adoptou decisions e impulsou medidas de gran relevancia política e social (a retirada das tropas de Irak, as leis de dependencia e do aborto, as políticas de igualdade, o matrimonio homosexual), caeu despois na frivolidade e, na segunda lexislatura, cedeu ante os poderes fácticos europeos e autorizou medidas contrarias aos intereses da maioría social (modificou a Constitucións -despois dun contubernio nocturno con Rajoy-, e impuxo a primeira Reforma Laboral coa que  iniciou a laminación dos dereitos dos traballadores). Agora o PSOE é refén destes e doutros erros recentes, que pesan coma unha lousa, e non lle permiten recuperar a confianza dos seus antigos votantes.

Silvina Bacigalupo
O novo líder do partido, Pedro Sánchez, iniciou o seu mandato tentando dar unha imaxe de renovación e modernidade. Pero hai certas sinais que non permiten alimentar a confianza. Nun recente artigo advertíase sobre os conflitos de interese do chamado "goberno na sombra" do PSOE. Os poderosos lazos de Jordi Sevilla -responsable de Economía- coa consultora PwC (que traballa asiduamente co PP e elabora documentos, cada ano, nos que  dibuxa a "folla de ruta" para a privatización sanitaria en España), e as posicións coñecidas de Rafael Bengoa -responsable de Sanidade-, que se manifestou a favor de realizar unha "profunda cirurxía no SNS" e dirixe unha escola de "Negocios y Salud" na Universidade de Deusto (xesuítas), deixan ao descuberto as intencións reais deste partido: continuar coa política de recortes  e privatizacións levada a cabo ata agora polo PP.


Meritxell Batet e José María Lassalle no seu casamento
Tamén é dificil de entender que designe como responsable de "transparencia e ética empresarial" a Silvina Bacigalupo, defensora do abogado de Correa (caso Gürtel), que tamén traballa no despacho Oliva-Ayala –que asesora a Rodrigo Rato-, e que defende a Rosell polo "caso Neymar" e a Messi polos seus problemas coa Facenda Pública.  E non resulta nada tranquilizador saber que a persoa elexida para coordinar o programa electoral do PSOE é Meritxell Batet, casada con José María Lassalle, colaborador habitual de FAES, secretario de Estado de Cultura e home da máxima confianza de Rajoy. Meritxell Batet participa nunha tertulia política -na Cadena Ser- na que, con frecuencia, defende posicións moi semellantes ás do representante do PP.
 
O PSOE é un partido necesario, eu diría que imprescindible, para desaloxar ao Partido Popular, recuperar as institucións e poñelas ao servizo das maiorías. O PP ocupou  o poder, no goberno central e en moitas autonomías, para exercelo en beneficio das élites económicas e dos especuladores financeiros. O PSOE cometeu erros graves, que achandaron o camiño para que a dereita tomase o poder. Os cambios neste partido non poden ser só cosméticos. Non abonda coa xuventude e a aparente modernidade. Cómpre recuperar os principios fundacionais deste partido, tan importante na historia recente do país, e convertelo, de novo, nun instrumento ao servizo do pobo e dos traballadores. Do contrario o PSOE condenarase a unha longa travesía do deserto e o país perderá un activo político moi importante nestes tempos tan convulsos.


sábado, 11 de julio de 2015

“Say my name” presenta o seu primeiro disco




Hai quen asocia xuventude con pasotismo e indolencia. É certo que hai ni-nis (que nin estudan nin traballan; pero hainos, por desgraza, de tódalas idades) mais tamén hai unha mocidade que se esforza, que se implica e colabora para mellorar as súas vidas e para construir un mundo mellor. A grande maioría síntese aludida polo traballo e o compromiso e tamén procura desenvolver as súas cualidades e aptitudes. Hai unha mocidade emprendedora e creativa que tenta buscar o seu espazo, sen deixarse levar polo desalento e a incerteza dos tempos de hoxe.

Unha das actividades culturais que máis seguemento ten na Coruña é a música, en todas as súas formas de expresión. Hai nesta cidade un grande número de mozos e mozas que se adican á música e se exercitan con algún instrumento, cadaquén no seu nivel. Hai moitas Escolas de Música con numerosa asistencia,  o Conservatorio Superior forma centenares de profesionais e os Locais de Ensaio (excelente oferta do Concello) acolle a numerosos grupos que tentan practicar esta noble arte e expresar a súa creatividade.

Un dos grupos que acode aos Locais de Ensaio chámase Say My Name (“Dí o meu nome”) e está integrado por cinco rapaces novos (dúas mozas e tres mozos) que, despois de dous anos ensaiando xuntos e tentando elaborar as súas composicións, veñen de grabar o seu primeiro disco con nove cancións propias,  que presentan ao público o día dezaoito de xullo nun local da Coruña, na zona de Monte Alto.


Algo máis de media hora de música, cantada en inglés -coa extraordinaria voz de Andrea de Artaza-, con temas amables e sinxelos que falan de amor, de desamor e outras temáticas propias desta idade e de todas as idades (Take me home, I´m in love, How I love you...). Son cancións breves e cálidas que contaxian emoción e benestar. Sei, por experiencia propia, que alegran aos nenos e, tamén, ás persoas maiores.

Teño a certeza de que os compoñentes do grupo pasárono moi ben mentres realizaban este labor. A ledicia e a satisfacción que, sen dúbida, sentiron coa composición destas pezas e co traballo no estudo de grabación, consiguen transmitilas a quen as escoita. Pouco máis se pode pedir á musica: que sexa agradable e que axude a mellorar a vida.

Non sei cáles son os azares nin os resortes que moven o mundo da música. Descoñezo os enrevesados camiños que levan algunhas melodías desde o anonimato ás multitudes. As cancións deste disco, todas elas, teñen un alto nivel de calidade, teñen unha dignidade que as fai merecedoras de chegar ao gran público. Pero tampouco estou convencido de que eso sexa o máis desexable.  Non sempre é preciso acadar a notoriedade. O bó da música é o pracer que nos produce, e estas cancións teñen, con toda seguridade, un efecto benefactor, son terapéuticas: axudan a sentirse mellor e a pensar que, a pesar de todo, este mundo non é tan ruín. É un excelente agasallo, deses que nos trae, ás veces, o deus das pequenas cousas.

(Fotos: Luís Míguez)