Hai quen asocia xuventude con pasotismo e indolencia. É certo que hai ni-nis
(que nin estudan nin traballan; pero hainos, por desgraza, de tódalas idades)
mais tamén hai unha mocidade que se esforza, que se implica e colabora para
mellorar as súas vidas e para construir un mundo mellor. A grande maioría
síntese aludida polo traballo e o compromiso e tamén procura desenvolver as
súas cualidades e aptitudes. Hai unha mocidade emprendedora e creativa que
tenta buscar o seu espazo, sen deixarse levar polo desalento e a incerteza dos
tempos de hoxe.
Unha das actividades culturais que máis seguemento ten na Coruña é a
música, en todas as súas formas de expresión. Hai nesta cidade un grande número
de mozos e mozas que se adican á música e se exercitan con algún instrumento,
cadaquén no seu nivel. Hai moitas Escolas de Música con numerosa
asistencia, o Conservatorio Superior
forma centenares de profesionais e os Locais de Ensaio (excelente oferta do Concello) acolle a numerosos grupos que tentan practicar esta noble
arte e expresar a súa creatividade.
Un dos grupos que acode aos Locais de Ensaio chámase Say My Name (“Dí o meu nome”) e está integrado por cinco rapaces novos (dúas mozas e tres mozos)
que, despois de dous anos ensaiando xuntos e tentando elaborar as súas
composicións, veñen de grabar o seu primeiro disco con nove cancións
propias, que presentan ao público o día
dezaoito de xullo nun local da Coruña, na zona de Monte Alto.
Algo máis de media hora de música, cantada en inglés -coa
extraordinaria voz de Andrea de Artaza-, con temas amables e sinxelos que falan
de amor, de desamor e outras temáticas propias desta idade e de todas as idades (Take me home, I´m in love, How I love
you...). Son cancións breves e cálidas que contaxian emoción e benestar.
Sei, por experiencia propia, que alegran aos nenos e, tamén, ás persoas
maiores.
Teño a certeza de que os compoñentes do grupo pasárono moi ben mentres
realizaban este labor. A ledicia e a satisfacción que, sen dúbida, sentiron coa
composición destas pezas e co traballo no estudo de grabación, consiguen
transmitilas a quen as escoita. Pouco máis se pode pedir á musica: que sexa
agradable e que axude a mellorar a vida.
Non sei cáles son os azares nin os resortes que moven o mundo da
música. Descoñezo os enrevesados camiños que levan algunhas melodías desde o
anonimato ás multitudes. As cancións deste disco, todas elas, teñen un alto
nivel de calidade, teñen unha dignidade que as fai merecedoras de chegar ao
gran público. Pero tampouco estou convencido de que eso sexa o máis
desexable. Non sempre é preciso acadar a
notoriedade. O bó da música é o pracer que nos produce, e estas cancións teñen,
con toda seguridade, un efecto benefactor, son terapéuticas: axudan a sentirse mellor e a pensar
que, a pesar de todo, este mundo non é tan ruín. É un excelente agasallo, deses que nos trae, ás veces, o deus das pequenas cousas.
(Fotos: Luís Míguez)
No hay comentarios:
Publicar un comentario