viernes, 1 de junio de 2012

SOS Sanidade Pública

En Galicia Confidencial

A sanidade pública está en perigo. As medidas adoptadas nas autonomías gobernadas pola dereita ultraliberal (reducción severa dos orzamentos sanitarios, concesión da xestión sanitaria a mans privadas, imposición de copagamentos, externalización progresiva de diversos servizos e actividades, restriccións no acceso aos servizos sanitarios etc.) provocan un serio deterioro dos servizos sanitarios e poñen en risco o seu futuro.

Pero o goberno central ven de dar un paso decisivo nesta contrarreforma sanitaria. En contra do anunciado na campaña electoral o Partido Popular está a degradar os servizos públicos dun xeito alarmante. O Real Decreto Ley 16/2012 –imposto por vía de urxencia, sen debate parlamentario- suprime o dereito á atención sanitaria dos cidadáns e recupera a figura do “asegurado”: só terán dereito á prestación sanitaria as persoas que coticen á Seguridade Social. Quedan excluidos diversos colectivos da poboación: inmigrantes, mozos-/as maiores de 26 anos que non teñan contrato laboral, persoas separadas que non tiveran cotizado etc. Tamén esteblece unha serie de copagamentos que veñen a representar, en realidade, un novo imposto á enfermidade. 

Esta medida representa un retroceso histórico de tres décadas. Coa Lei Xeral de Sanidade (1986) recoñeceuse o dereito dos cidadáns á atención sanitaria e iniciouse un camiño firme para garantir a cobertura universal de toda a poboación. Coa aplicación desta lei haberá cada vez máis colectivos cidadáns desprotexidos, que terán que recurrir á beneficencia e á caridade. Volvemos a unha sanidade dualizada: porta para os ricos, porta para os pobres.

Non é a crise a responsable destas medidas: só é a excusa. O Partido Popular está a aplicar na sanidade a súa axenda oculta. Hai unha estratexia global para degradar e desprestixiar o noso sistema sanitario, e para procurar espazos de negocio a costa dos orzamentos públicos aos grupos empresariais afíns. Esta estretexia global (impulsada polo FMI e os potentes lobbys sanitarios) é executada a nivel local por faccións de ultradereita que ocupan o espazo público para deterioralo desde dentro, como os troianos. Núñez Feijóo é alumno aplicado nestas tarefas, e ten experiencia: no seu día xa privatizou Correos. 

A plataforma SOS Sanidade Pública ten convocada unha manifestación para o vindeiro domingo, día 3 de xuño, en Santiago de Compostela. É o momento de expresar, de forma unitaria e masiva, o noso desacordo radical con estas decisións políticas que están destruir o estado de benestar que tanto custou construir, e que veñen a representar un auténtico saqueo dos orzamentos públicos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario