Neste
tempo de incertezas sobre o noso futuro colectivo, Edicións Laiovento ven de
publicar o libro “A saúde como negocio”,
no que se describe a situación actual da sanidade pública, analízanse as
actuacións realizadas polos actuais gobernantes e faise unha valoración das
consecuencias negativas que estas intervencións poden ter para a sustentabilidade
do sistema sanitario no porvir inmediato.
Trátase
dun libro colectivo. Os seus autores
son Mª Luísa Lores, Manuel Martín, Jesús Rey, Marciano Sánchez-Bayle e Pablo Vaamonde,
todos eles persoas comprometidas coa defensa da sanidade pública. É un texto
oportuno e necesario, que aporta información obxectiva, argumentos e análises
para explicar como é posible facer outras políticas que, na vez de deteriorar e
pór en risco o sistema público, procuren a súa mellora e consolidación.
De xeito didáctico e a grandes trazos podemos definir dúas posicións
confrontadas en relación coa política sanitaria e a xestión dos servizos
sanitarios públicos:
*Hai unha corrente progresista que entende a
sanidade pública como un dos piares esenciais do estado do benestar, defende a
atención sanitaria como un dereito dos cidadáns e promove o acceso aos servizos
de forma universal e gratuíta, sen ningunha restrición. Esta corrente considera
que o financiamento da sanidade debe realizarse cos impostos dos cidadáns e a
prestación debe ser fundamentalmente pública, considerando o sector privado como
subsidiario e complementario.
*Na outra banda existe un pensamento ultraliberal que considera
que cadaquén debe acceder aos servizos sanitarios que poida custear
persoalmente. Esta corrente, hoxe predominante, fixo circular nos últimos
tempos unha argumentación elemental baseada en catro conceptos: a
insustentabilidade do actual sistema sanitario, a utilidade de separar
financiamento e prestación dos servizos para mellorar a eficiencia, a
necesidade imperiosa de introducir o copagamento para o acceso aos
servizos, e a crenza (non demostrada) de que a xestión da sanidade privada é
mellor e máis eficiente que a pública.
Os autores deste libro
partimos da hipótese de que as diferentes medidas adoptadas nos primeiros tres
anos de goberno de PP en Galicia
(redución dos orzamentos sanitarios, recorte das prestacións, restricións no
acceso aos servizos, limitación dos recursos destinados a investigación e
formación profesional etc.) están enmarcadas nesta corrente ultraliberal e
motivadas pola mesma estratexia: a precarización
dos servizos sanitarios públicos e a definición
de espazos de negocio (a construción e xestión dos centros sanitarios, o
control da tecnoloxía sanitaria etc.) que permitan a grupos empresariais afíns
apropiarse dunha parte importante dos orzamentos públicos.
Neste libro presentamos un
conxunto de textos de carácter divulgativo, dirixidos a un público non
profesional, que pretende describir e analizar as decisións políticas levadas a
cabo polo PP no terreo sanitario dende que no ano 2009 ocupou o poder na Xunta
de Galicia. Tamén se valoran as actuacións realizadas pola dereita noutras
latitudes: Valencia, Madrid, Castela-A Mancha, Catalunya etc. Consolidando a
ruta trazada nas autonomías o goberno de Rajoy, aos cinco meses de ocupar o
poder en Madrid, tamén realiza severos recortes que danan gravemente a sanidade
pública. O Real Decreto ley 16/2012 recupera o concepto de “asegurado”. Os inmigrantes e outros colectivos cidadáns quedarán
sen cobertura sanitaria. Esta norma deixa ver ás claras a intención do PP de
retornar ao pasado; devólvenos a unha sanidade
dualizada: de seguir adiante coa súa política nos hospitais haberá unha
porta para os ricos e outra para os pobres.
Este libro é unha achega seria e documentada, mais non imparcial;
pretendemos expoñer argumentos e análises que sexan útiles (aos cidadáns e ás
organizacións políticas, sindicais e profesionais) para comprender as
estratexias postas en marcha desde a Xunta de Galicia no terreo sanitario e o
grave risco que representan para o futuro inmediato da sanidade pública. Poderá
ser útil, tamén, ás distintas plataformas para a defensa da sanidade pública
que, nos últimos tempos, están a traballar en distintos puntos da xeografía
galega para evitar o desmantelamento dos servizos públicos, elementos clave do
estado do benestar.
Pretendemos pór en evidencia, con datos e análises
rigorosas, as políticas de deterioración dos servizos públicos que vén
desenvolvendo o PP en Galicia e nas diferentes comunidades en que goberna. Por
último, este libro quere ser unha contribución ao amplo movemento social que se
está xerando en todo o Estado para frear esta dinámica destrutiva e
privatizadora, que pon en grave risco a atención da saúde das futuras
xeracións.
Estarei o mércores na presentación do libro.
ResponderEliminarSaúdos e noraboa.
Parabéns por esta novo texto que colabora ó enriquecemento da nosa cultura de xeito individual e colectivo.
ResponderEliminar¡Saúde e Sorte!
Mª Lucinda Viceiro