martes, 15 de mayo de 2012

José Luís Oltra en Labañou



O Deportivo da Coruña descendeu a tempada pasada a segunda división, despois de vinte anos e de vivir os mellores momentos da súa historia. É difícil recuperar a categoría; son poucos os equipos que o teñen conseguido no primeiro intento. Mais o Depor tivo a fortuna de atopar un adestrador competente e traballador que soubo crear a confianza necesaria na plantilla para afrontar o reto de ascender no primeiro ano. Nese camiño andan, e cada vez o obxectivo está máis próximo. José Luis Oltra é un home novo que chegou a Coruña cunha traxectoria profesional impecable pero curta. Está ilusionado co plantel (“de primeira”, non se cansa de repetir) e coa actitude da afección, que acude a Riazor en masa e anima con entusiasmo. Esta sintonía alimenta a autoestima que fixo posible encadear moitos trunfos consecutivos, situando ao Depor en primeiro lugar e máximo aspirante ao ascenso.
Oltra naceu en Catarroja (Valencia) en 1969, e fixo unha curta carreira como xogador. En 2001 iniciou a súa traxectoria como adestrador. Comezou na sua vila natal, pasou por Castellón, Levante, Murcia, Tenerife e Almería. No verán de 2011 faise cargo da dirección do Deportivo, a donde chegou acompañado por Chema Sanz, con quen forma equipo desde hai anos. Os dous están moi integrados na cidade e teñen a pretensión, se os resultados acompañan, de continuar nestas terras moito tempo.
Hai un par de meses Oltra participou nunha charla no colexio Calvo Sotelo, no barrio de Labañou. Acudiron máis de cento cincuenta persoas desexosas de coñecer a este adestrador que está a xerar ilusión colectiva na cidade e en toda Galicia co seu equipo. Alumnos do colexio, pais e nenos das distintas categorías de futbol base asistiron a esta conferencia.   Amosou unha boa disposición para  o debate, e respondeu coa mesma seriedade a cuestións plantexadas por pequenos e maiores. Foi correcto e amable, mesmo cando lle plantexaron críticas ao fútbol desenvolvido polo equipo. Él soubo responder con criterio deportivo e un chisco de ironía. 
Sorprendeume a súa capacidade oratoria, por enriba do habitual no mundo do fútbol, moi dado ao monosílabo, á grosería e o exabrupto. Ten un bo dominio da palabra e do escenario e unha sólida convicción nos seus plantexamentos. Pero agradoume máis o xeito de entender o deporte de base, a súa convicción de que o fútbol –e calquera outra actividade deportiva de grupo- ten valor educativo e de formación en valores. Faloulles destes temas aos pais e aos rapaces e xa, cara o final do debate, un neno fixo a pregunta definitiva:
-“Qué teño que facer para ser figura do Depor?”
Despois dunha gargallada xeral, Oltra tomou a palabra e, con toda seriedade, respondeu:
-“Pois mira, vouche decir o que debes facer. Tes que obedecer a teus pais, alimentarte ben e procurar un bo descanso (a xente pensa que ser deportista de élite é unha brincadeira pero hai que coidarse); tes que estudar moito, ser bo compañeiro, non fallar aos adestramentos e seguir as indicacións do adestrador; procura facer amigos entre compañeiros e contrarios; esfórzate: sempre se pode mellorar e hai que procurar conseguilo; aprende a gañar e a perder con elegancia; o fútbol hai que  tomalo en serio pero sabendo que é un xogo: non é o máis importante da vida; e sobre todo debes disfrutar. Se, despois de todo esto, algún día xogas no Depor sentiraste moi feliz; se non é así, saberás valorar o ben que o pasaches con este deporte. Ao final, eso é o que máis importa”.
Penso que non se pode resumir mellor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario