O pasado 12 de novembro celebrouse en Lugo unha
interesante Xornada de Literatura Oral
Tradicional,
dedicada nesta ocasión á medicina popular, á que asistiron un centenar de
persoas, sobre todo do mundo da docencia. Vai xa pola novena edición este
evento tan importante para a recuperación da nosa cultura popular. Detrás está
a perseverancia e a intelixencia do escritor Antonio Reigosa, principal
impulsor destes encontros e da enciclopedia virtual Galicia Encantada. Puiden coñecer o interesante traballo que está a
realizar a xornalista Ana Lois
(Palabras Secretas), quen leva anos filmando
ritos e tradicións que están a piques de desaparecer. Tamén puider apreciar a
profunda sabiduría de persoas como Carmiña
Prado, que coñece as herbas e as súas propiedades mellor que ningún
profesional. Eu tamén participei nesta xornada, facendo unha reflexión en voz
alta sobre a figura do curandeiro e a súa relación
coa medicina oficial. Este é un breve
resume do falado:
A medicina, tal como hoxe a
coñecemos, non existiu sempre. Ben pola contra é unha actividade máis ben
moderna que, no noso contorno, ten pouco
máis dun século de historia. En Galicia existiu sempre a medicina popular. Ata
ben entrado o século XX era unha comunidade eminentemente rural; os seus
habitantes residían en pequenos núcleos de poboación mal comunicados ou
illados. Os médicos estaban nas cidades ou nas principais vilas cabeceiras de
comarca. Non sempre era doado, para a xente das aldeas, desprazarse na busca da
axuda destes profesionais, pola distancia ou por razóns de tipo económico.
A pesar dos avances da ciencia no
século pasado, as xentes de Galicia acudían con frecuencia aos curadores locais
para librarse de certos males. Existía mesmo unha certa desconfianza sobre as
bondades da medicina oficial. Como dixo García-Sabell:
“O enfermo só cree ao médico capacitado para dicirlle o que ten, pero non para
curalo”. Na Galicia rural, sobre todo entre a xente de maior idade, aínda
perviven dous tipos de doenzas diferenciadas: as que “son de médico” e as que
“non son de médico”. Os curandeiros e menciñeiros; as sabias e as meigas; os
arresponsadores e os ensalmadores; os compoñedores e as parteiras xogaron un
papel moi importante na atención á saúde das xentes de Galicia. Mesmo existen
males, que non deberíamos ignorar, que
seguen a formar parte da cultura colectiva deste pobo: o tarangaño, a caída da
paletilla, o mal de ollo, o mal de aire.
O doutor Lis Quiben escribiu un
libro onde recolle toda esa cultura popular. Destaca que a medicina tradicional
fundaméntase sobre tres piares: a maxia, a relixión e a fitoterapia. Se ben hai
prácticas e rituais que están instaladas no pensamento máxico e carecen
absolutamente de rigor, noutros casos sorprende a correcta utilización de
certos remedios antes de que fosen bendicidos polo coñecemento científico.
Cómpre saber de onde vimos porque nos axudará a entender como vive a doenza a
xente do noso pobo. Todo ese pouso cultural persiste nas profundidades do ser
colectivo, aínda que, desde a altura do século XXI, nos parezan cousas da
prehistoria. Non é así. A min levantáronme a paletilla sendo neno, e tamén
recordo a miña avoa andando de xeonllos arredor da igrexa da Virxe Peregrina.
Non me quixo dicir por que estaba ofrecida, pero de seguro
que era por alguén de nós ou por algún animal da casa.
A medicina oficial na primeira
metade do século XX estaba pouco desenvolvida. Os médicos estaban nas vilas
grandes e nas cidades. Coa chegada da Seguridade Social (en 1942) naceu a
asistencia ambulatoria en España. O médico
de cabeceira daquel tempo era un home que pasaba consulta no seu domicilio, facía compatible a práctica
privada coa pública e visitaba os pacientes nas casas cando era preciso
desprazándose a cabalo por montes e descampados. Facía de todo: desde partos a
compoñer osos, desde arrancar moas a suturar feridas. Cando o caso superaba as
súas posibilidades ou coñecementos aconsellaba acudir aos especialistas da
cidade. En medio século a evolución foi formidable.
Hoxe o médico de familia é, maioritariamente, unha muller nova que pasa
consulta nun Centro de Saúde. Dedícase en exclusiva á sanidade pública, utiliza
a historia clínica e ten ordenador na consulta. O avance científico,
tecnolóxico e farmacolóxico, xunto coa mellor formación dos profesionais fai
que o médico de familia actual sexa máis resolutivo que o de hai sesenta anos,
se ben a práctica cotiá pode resultar menos heroica e máis convencional. Mais
tamén é certo que houbo unha certa deshumanización da práctica médica: o
profesional céntrase máis nos datos que na persoa (ao contrario do que facía o
curandeiro). Unha consulta pode rematar sen que exista contacto entre
profesional e paciente, nin sequera visual. Cómpre restaurar o trato humano na
práctica asistencial. Porque o paciente non é unha máquina que se avaría senón
unha persoa que sufre e ten medo. Temos que aprender a realizar unha “medicina baseada na afectividade” (Albert Jovell).
A palabra pode ser máis curativa que os fármacos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario