Nueva Tribuna
Entrevista co doutor
Manuel González Moreira
O doutor Manuel González Moreira
é unha das figuras máis representativas entre os defensores da Sanidade Pública
na cidade de Vigo. Natural de Castrelos, Vigo (onde naceu en 1959), estudou
Medicina en Santiago. Traballa como médico de familia no Centro de Saúde
Nicolás Peña, é delegado sindical de CIG-Saúde e membro da Xunta de Persoal desa
Área Sanitaria.
-O día 3 de setembro houbo na cidade de Vigo unha manifestación
histórica, na que arredor de 200.000 persoas se manifestaron contra das
deficiencias do Hospital Álvaro Cunqueiro, recentemente inaugurado. Considera
que este clamor da cidadanía será escoitado polo actual goberno da Xunta?
-Desgraciadamente considero que
non. Nun país normal xa terían dimitido ou terían sido cesados os responsables
políticos das decisións que levaron á situación de emerxencia sanitaria na que
se atopa a cidadanía da área sanitaria de Vigo. Terá que ser esa cidadanía a
que lles retire o seu apoio e aposte por outros políticos que si crean na
Sanidade Pública.
-Vostede é unha das persoas que máis se significou nas protestas contra
da privatización do novo hospital de Vigo (NHV). Realmente este proxecto da
resposta ás necesidades sanitarias de Vigo e comarca, como afirma o presidente
da Xunta?
-O proxecto do NHV naceu dunha
necesidade evidente; a área sanitaria de Vigo contaba con recursos
insuficientes, como demostraban as intolerables listas de espera, tanto
diagnósticas como cirúrxicas, e o concerto singular con POVISA, que atende a
unha poboación de 140.000 persoas coa xustificación de que a sanidade pública
non ten recursos para facelo.
Foi iniciativa da Plataforma en Defensa
da Sanidade Pública da área de Vigo a reclamación do NHV, concibido como o
primeiro hospital da área sanitaria. Mentres outros falaban de facer un cuarto
hospital, complementario dos outros, e que mantiña a fragmentación da
asistencia hospitalaria. No ano 2006 un acordo pola sanidade da área sanitaria
de Vigo abriu a porta ao inicio da planificación dese NHV, tan necesario. No
proceso de planificación participaron moitas e moitos profesionais e así naceu
un proxecto ilusionante que pretendía facer un Hospital punteiro en
investigación e coñecemento, avanzado tecnolóxicamente e con capacidade para
atender, agora e no futuro, ao conxunto da cidadanía da área sanitaria.
A chegada do PP á Xunta supuxo un
cambio substancial; o que ia ser unha obra pública prantexárona como
“colaboración público-privada” o que supuña que a concesionaria é a responsable
do proxecto, da construción e da xestión de determinados ámbitos do NHV, sendo
a propietaria do Hospital durante os 20 anos da concesión. A Xunta adxudicou un
contrato de 1.300 millóns de euros á Sociedade Concesionaria do Novo Hospital
de Vigo S.A. Lembremos que a construción do hospital público custaba pouco máis
de 400 millóns. O proxecto definitivo, xa construído e iniciando o seu camiño, perdeu
os obxectivos iniciais: non dispón da gran área de investigación prevista, non
ten tódolos servizos, non pode atender ao conxunto da cidadanía (polo que
permanece o concerto con POVISA), e non ten capacidade de resolver o problema
das listas de espera actuais e futuras.
-Na súa opinión: Cáles son as principais deficiencias que presenta o
NVH para que non responda ás necesidades sanitarias desta área?
-En primeiro lugar o propio
modelo de construción e xestión, que da lugar a dúas direccións, unha da
Empresa Concesionaria -a propietaria do Hospital-, e outra a do SERGAS. Esta
situación xa está xerando problemas de coordinación que dificultan abordar os problemas
atopados no traslado. Doutro lado a diminución dos recursos asistenciais: as
camas de hospitalización convencional redúcense nun 31,8%, os quirófanos nun 31,4%, o Servizo de Urxencias
nun 55,5%, as salas de Radioloxía nun 45,7% e desaparece o Laboratorio Central.
-Neste proceso, tan irregular, perdeuse moito tempo, mentres que esta
área sanitaria precisa con urxencia de novas instalacións hospitalarias. Qué
medidas deben adoptarse de inmediato para corrixir a situación?
-Primeiro temos que recuperar o NHV
para a Sanidade Pública. Unha vez recuperado, teremos que dotalo dos servizos
que non ten. Non é fácil pero, igual que
se tomou unha decisión política de facelo dun xeito, haberá que adoptar outra que
permita facelo doutra maneira.
-A entrega do NHV a mans privadas representa un serio sobrecoste para
as arcas públicas e unha hipoteca para moitos anos. Como vai influír esta
dilapidación no futuro da sanidade pública galega?
-A privatización, que no caso do
SERGAS vai máis alá do NHV e xa supón un capitulo importante do seu orzamento,
hipoteca o futuro financiamento da sanidade pública, xa escaso na actualidade,
e fará aínda máis difícil ofrecer un servizo público de calidade.
-Neste proceso hai responsabilidades políticas que a cidadanía terá que
reclamar. Considera que hai tamén responsabilidades xudiciais? Ve algunha
posibilidade de que os responsábeis deste naufraxio rematen diante dos
tribunais de xustiza?
-Tanto o proceso de licitación,
concesión, control da obra licitada por parte dunha empresa contratada por
GALARIA como as condicións do propio traslado serán, sen dubida, obxecto de
controversia xudicial; agardemos que a Unión Europea ou os tribunais de xustiza
atendan as demandas presentadas e permitan dilucidar as responsabilidades
penais, de habelas.
-Cando haxa un cambio de goberno, cáles serán as primeiras medidas a
adoptar para corrixir a desfeita e mellorar a sanidade pública no sur de
Galicia?
-En primeiro lugar, rematar coa
contrarreforma sanitaria do PP e apostar por un modelo de sanidade pública
universal, equitativo, sen copagos nin repagos, financiado cun sistema
impositivo xusto, onde pague máis sanidade quen máis cartos ten e non quen máis
sanidade necesita. En segundo lugar reverter tódalas privatizacións para
recuperalas para a sanidade pública; no caso da área sanitaria de Vigo, isto é
imprescindible para recuperar o NHV, e que pase a ser o NOSO Hospital.
(Texto escrito para a revista Tempos Novos, número de setembro-2015).
No hay comentarios:
Publicar un comentario