En Praza Pública
En Galicia Dixital
"Que non te aten", segunda novela de Manuel Iglesias Turnes
Manuel Iglesias Turnes estreouse como escritor en 2012 -cando
xa tiña ben cumpridos os sesenta- cunha novela, As rapazas de Xan, que narra a vida
nunha aldea de Galicia na primeira metade do século vinte. O relato, que tivo
unha excelente acollida reflectía con veracidade
as peripecias vitais da xente do rural na época dos pais e dos avós do
narrador. Agora entréganos a súa segunda obra, Que
non te aten,
na que fai un acaído retrato do mundo rural galego nos tempos de hoxe desde a
ollada da mocidade actual, a que se correspondería coa xeración dos fillos do
autor. Volve a sorprender nesta segunda entrega narrativa. Demostra unha boa
pericia como narrador e confirma a súa vocación literaria.
Que non te aten é unha novela
de amor e desamor narrada como unha historia lineal na que o
narrador/protagonista vai relatando a vida dun grupo de mozos/-as do medio
rural. A acción discorre en Cabanas (parroquia do concello de A Baña, terra
natal do novelista), con incursións ocasionais en Santiago e Muros. O
protagonista da novela, Marcos, é un rapaz indolente de vinteseis anos, que
traballa na explotación gandeira da propia familia, dirixida polo seu irmán
Daniel e a súa muller Iria. A incapacidade do protagonista para tomar decisións
lévao a manter relacións simultáneas con dúas mozas e a vivir envolto nunha
trama de mentiras.
A modernidade na aldea
Hai na novela dúas partes ben diferenciadas. Na primeira o
narrador retrata a forma de vivir e traballar nunha explotación gandeira actual.
O autor coñece ese mundo pois o seu labor profesional estivo sempre vinculado
ao campo. Hai unha modernidade no mundo rural que a xente urbana descoñece por
completo. Hoxe as ganderías dedicadas á produción de leite están dotadas dunha
tecnoloxía punteira que as sitúa entre as máis avanzadas de Europa. A selección
xenética das vacas frisonas, o control informático da explotación e da produción,
a organización do traballo, o control da alimentación do gando, as zonas de
muxir case estériles como quirófanos, os concursos para elixir á mellor vaca do
ano: toda esta actividade fai que a vida no rural non teña nada que ver coa que
se debuxaba en As rapazas de Xan.
A gandería galega está modernizada e as terras de Cabanas
foron pioneiras neste empeño. Nesa contorna viven estes rapaces, instalados na cultura
globalizada, algúns deles con estudos universitarios e con inquedanzas
intelectuais e políticas. Son nativos dixitais que usan a cotío as redes
sociais e teñen contacto co mundo urbano. Pero se os mozos de As rapazas de Xan ollaban para América,
estes de agora miran cara Europa como unha posibilidade de futuro.
Na
segunda parte da novela o narrador acelera o ritmo e, con diálogos áxiles e ben
trenzados, desenvolve unha trama na que hai
traizóns e desenganos, episodios de violencia e unha investigación
policial. A tecnoloxía moderna, os medios de comunicación e as redes sociais
teñen protagonismo neste tramo do relato, no que ese grupo se ve envolto nunha
situación dramática que os fai madurar de golpe. Na novela hai amor e desamor, tensión sexual
e compromiso amoroso; homes
débiles e inmaduros xunto a mulleres fortes e decididas; amizade e desamparo, ambición
e codicia. Hai un mundo rural incorporado á modernidade e unha
mocidade culta que chega á idade adulta sen ter claro o seu futuro.
Trátase, pois, dunha novela construída con habilidade; é de
lectura fácil e amena e retrata un mundo (a vida rural actual) descoñecido para
a maioría dos lectores urbanos. Galicia, que sobreviviu no campo, vive de
costas ao mundo rural. Moitos lectores vanse sorprender do cambio experimentado
nas aldeas, da modernización das explotacións gandeiras, da forma de vida dos
habitantes do agro, e da presenza dunha xuventude comprometida coa terra.
Manuel Iglesias Turnes, nesta segunda novela, mostra a súa
madurez como escritor. Só el podería facer unha obra así. Conta a vida do mundo
rural coas súas propias palabras, e fai a narración desde dentro porque el
tamén forma parte desa aldea na que
naceu e da que nunca desertou. A veracidade desta historia ven avalada pola
pertenza do autor ao propio entorno. Non se trata da mirada do antropólogo
describindo a evolución da vida nas aldeas: trátase dun membro da tribu que
relata a historia dos seus.
No hay comentarios:
Publicar un comentario