|
Don Carlos Guitián nunha charla recente no Liceo |
Don Carlos Guitián é un médico
con moito prestixio na cidade de Ourense, onde exerceu a profesión durante
moito tempo (foi xefe do Servizo de Uroloxía do Hospital Provincial 45
anos e tamén tivo a súa consulta na rúa Progreso). Agora cumpre gozosamente
noventa anos e un numeroso grupo de amigos fanlle un merecido recoñecemento
público o próximo día 29 de abril nos locais do Liceo.
O Colexio de Médicos de Ourense e a Irmandade
da Sanidade Galega (ISAGA) apoian esta
homenaxe.
É un pioneiro na súa
especialidade e
na década dos sesenta
foi o primeiro médico en realizar a técnica da resección transuretral para as
doenzas de próstata. Mais o recoñecemento público non se lle fai só polos seus méritos
profesionais senón polo seu profundo compromiso con Galicia e co galego. Foi o
primeiro médico que escribiu as receitas no idioma propio, nos tempos escuros
da ditadura franquista, cando a nosa lingua era perseguida e maltratada. Esta
actitude de firme compromiso non lle reportaba beneficio algún senón todo o
contrario. El mesmo recoñecía, nunha entrevista
publicada en 2015, que
“houbo pacientes deixaron de vir a miña consulta por falar en galego". O amigo Carlos Menéndez, que traballou co doutor Guitián
como bolseiro nos anos oitenta, contoume que, xa daquela, no Servizo de
Uroloxía as historias clínicas e os informes médicos escribíanos en
galego.
Podemos consideralo, con todo
merecemento, como un dos médicos ilustrados que iniciaron a galeguización da sanidade en
Ourense.
|
Don Carlos Guitián de mozo |
Foi membro do Partido Galeguista
e tivo relación persoal con Ben Cho Sei (primo de súa nai), Ferro Couselo,
Vázquez Monxardín, Salvador Rei, Otero Pedrayo
ou Blanco Amor. Tamén tiña unha especial amizada e fonda admiración por
Florentino Pérez Cuevillas.
Pero o seu
galeguismo non naceu destas relacións senón que xurdiu moito tempo antes. Na
súa mocidade, cando fixo a especialidade no Hospital de Sant Pau de Barcelona
decatouse do orgullo que sentían os cataláns pola súa lingua. Alí naceu o seu
compromiso co galego, que mantivo toda a vida, a pesares das dificultades, prexuízos
e faltas de respecto. Foi excluído de certos círculos profesionais e tivo que
soportar moitas veces o “ninguneo” daqueles colegas que lle devolvían os
informes que escribía en galego dicíndolle “no lo entiendo”.
|
Nos seus anos de formación en Catalunya |
Nunca cedeu na súa actitude. Non
era un home de gran estatura pero tiña un forte carácter, unha vontade férrea e
unha grande capacidade de liderazgo tanto no exercicio da profesión como no seu
compromiso político e social. Tamén participou na corrección da toponimia
galega. El mesmo contou, con moita retranca, como, hai moitos anos saía de noite (en compañía
da súa muller e collidos do brazo, para disimular), e ían pintando cunha
brocha
o “X” enriba da “J” de
Rianjo e outras correccións semellantes.
O xornalista Fernando Ónega relatou estes feitos nun artigo, sen saber que os
autores eran o doutor Carlos Guitián e a súa dona.
Longa vida ao doutor Guitián.
Debemos recoñecer e agradecer a súa perseveranza no compromiso galeguista que
nos serve de exemplo a todos os demais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario