sábado, 27 de agosto de 2011

A dictadura do cientifismo

Imaxe de Erik Johansson
Juli Zeh é unha escritora alemana que pasou hai pouco por España para promocionar unha novela, El método, donde dibuxa un futuro no que unha dictadura paternalista ven substituir a relixión pola ciencia. Esa visión dun futuro desacougante, derivado unha imprudente utilización dos coñecementos científicos, ten sido descrita na literatura (Julio Verne, Aldous Huxley, George Orwell), e de xeito reiterado no cinema (El planeta de los simios, Blade Runner, Matrix, etc). En todas estas descripcións, feitas desde a ficción, hai unha visión apocalíptica do futuro. Queremos pensar que son froito só da imaxinación deses creadores. Un grupo de científicos está, nestes días, reunido na illa de San Simón precisamente con ese obxectivo: tentar predecir que nos agarda no porvír.

Pero hai xa uns meses que foi publicado un excelente libro, El autoritarismo cientifico, escrito polo doutor Javier Peteiro, xefe da sección de Bioquímica no Hospital de A Coruña. Neste ensaio plantexa, con absoluto rigor e numerosa documentación, unha serie de cuestións relacionados coa ciencia, que nos afectan na vida cotiá e que poden condicionar o próximo futuro: a pervivencia e os perigos das pseudociencias, o uso inadecuado dos coñecementos científicos, as interferencias do mercado e dos intereses económicos no desenvolvemento dos proxectos, a afirmación da ciencia como único modo de coñecer a realidade e de atopar respostas; en definitiva, a Ciencia como substitutivo da relixión.

Coñezo ao autor desde hai máis dunha década. Coincidimos, daquela, como directivos no colexio de médicos de A Coruña. Sen falsa modestia, penso que levamos a cabo un bo labor naquel tempo. Alí souben do seu rigor, da súa grande formación e do seu alto sentido do compromiso. Pero non coñecía outra faciana que agora descubro con ledicia: a súa habilidade para a escrita. Porque este libro está moi ben escrito. Utiliza unha prosa limpia e clara que procura facer comprensibles temas que son, as máis das veces, de certa complexidade. Afirma o prologuista, Manuel Fernández, que o libro é obra dun home sabio. Eu engadiría que se trata dun home sabio que, ademáis, escribe moi ben

Eso fai que o libro sexa asequible non só para profesionais da ciencia e da medicina senon para todo aquel que queira facer unha lectura demorada e reflexiva (lonxe da que se fai actualmente en internet), para construir un criterio propio sobre a actividade científica e as súas consecuencias. O autor reflexiona sobre a perversa utilización dos transxénicos, os riscos da manipulación xenética, o fraude nas publicacións científicas, as dubidosas maniobras da industria farmacéutica, ou sobre a pretensión de omnipotencia da medicina actual que tenta garantir a felicidade, perpetuar a vida e mesmo burlar a morte (Skrabanek e McCormick xa tiñan abordado o tema en Sofismas y desatinos en medicina).

Máis o autor advirte, sobre todo, dos perigos do cientifismo, que se constitúe como unha ideoloxía totalitaria, que todo o explica e da que todo depende. Ven concluir de xeito contundente: “a perversión da visión científica do mundo pode, facendo dela a única posibilidade de acceso ao real, chegar a amosar a Ciencia como único referente, facilitando un autoritarismo científico disperso e universal que, en unión do mercado, da  lugar a un monstruo quimérico cunha grande capacidade de xerar inxustiza, alienación e morte”. Tamén asevera que “o mito científico atopa fácil acollida nun mundo fascinado polos avances tecnolóxicos que fan as nosas vidas cada día máis fáciles e á vez máis alienadas”. A xente cre que a ciencia pode dar resposta a todo; agarda impaciente avances e terapias que eviten a enfermidade, d dor e a morte. Mesmo algúns científicos chegan a crerse onmnipotentes, e tentan xogar a ser deuses. (É aínda máis: na política e na economía adóptanse decisións –con maior ou menor grado de arbitrariedade- tentando que aparezan abaladas por razóns científicas).
Estas veñen ser as advertencias deste home de ciencia que, con todo, non é pesimista: “A esperanza de vida, polo menos no primeiro mundo, aumentou considerablemente durante o século XX e nesto tiveron un papel esencial os descubrementos científicos traducidos en mellores diagnósticos, tratamentos e hixiene. É innegable que a aplicación do coñecemento científico mellorou a vida de moitas persoas”. E así deberá seguir sendo no futuro. Pero compre coñecer os riscos para tentar evitalos. 

Este libro foi presentado en Barcelona hai uns meses, con enorme éxito. Tivo unha excelente acollida entre a comunidade científica e intelectual. Pola contra, a súa repercusión local foi máis ben escasa. É tempo xa de facer un recoñecemento público ao doutor Javier Peteiro, que ven de facer unha reflexión crítica de enorme interese sobre o papel da ciencia na sociedade actual cunha obra de divulgación de alto valor científico e literario.


No hay comentarios:

Publicar un comentario