miércoles, 29 de mayo de 2013

Escraches

En Galicia Confidencial
En Galicia Hoxe


Nestes últimos meses tivemos que aprender unha nova verba: escrache. Polo visto ten relación etimolóxica co inglés scrach (rabuñadura) e co lunfardo escrache (poñer en evidencia ou delatar públicamente a alguén). Foi moi utilizada en Arxentina, contra os resonsables da cruel dictadura e nos tempos do corralito; volveu agora para definir as protestas organizadas pola Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH). Consistían en que un grupo de persoas, na proximidade dos domicilios dalgúns dirixentes do partido gobernante,  coreaban consignas e amosaban pancartas (“Si se pode, pero non queren”) para reclamar atención aos seus graves problemas. A resposta do PP foi iracunda. Tacharon aos manifestantes de antidemócratas, violentos e amigos dos terroristas. De Cospedal, nunha actuación memorable, foi más alá e afirmou que os escraches son “nazismo puro”,  sinalando dun modo impúdico como agresores aos que realmente son víctimas.

A situación é a seguinte: unha lei hipotecaria inxusta permitiulle aos bancos, durante os tempos de bonanza e burbulla inmobiliaria,  realizar contratos abusivos que, neste tempo de crise, deixa aos deudores nunha situación de indefensión total que remata, moitas veces, coa perda da vivenda e coa carga dunha débeda impagable para toda a vida. Máis de 200.000 familias están quedando sen vivenda  por ter asinado eses contratos ilegais que vulneran a lexislacion europea. No primeiro trimestre de 2012 bateuse o record de desafiuzamentos: case 50.000 familias foron expulsadas das súas casas, abandoadas á intemperie do cru  inverno. Esta sí que é violencia e non a dos escraches. 

Unha sentenza do Tribunal de Xustiza europeo (14 de marzo) declarou abusiva a lei hipotecaria de España e, máis recentemente, o propio Banco Central Europeo (nun dictame asinado por Draghi) reclámalle ao goberno español máis medidas contra o drama social que representan as execucións hipotecarias. Mais o goberno do PP considera que algunhas propostas da PAH (dación en pago retroactiva, paralización dos desafiuzamentos de vivenda habitual etc) poden representar un perigo para a estabilidade financeira. O goberno está máis preocupado pola saúde bancaria que polos dereitos e os intereses dos cidadáns.  Tamén o presidente do Banco Popular, Angel Ron, avisou no seu día de que os cambios na lei hipotecaria poderían incentivar o impago. Esqueceu xa que foi a codicia dos bancos a que fomentou a concesión de hipotecas de xeito masivo, mesmo a insolventes?

A xornalista Cristina Fallarás escribiu un libro (A la puta calle) no que relata a súa propia experiencia.  Despois de perder o emprego comeza un lento desmoroamento que a leva a non poder pagar os recibos da hipoteca e a perder a vivenda. Unha lenta e inexorable traxedia semellante á vivida por decenas de miles de persoas que quedaron sen vivenda  nestes últimos anos. A rabia e a desesperanza levaron ao suicidio a algunhas persoas. Mais certamente resulta admirable a serenidade e a moderacion dos afectados, que teñen unha contención e unha capacidade de aguante fora do común. 

A PAH logrou reunir case 1.5 millóns de sinaturas  para promover unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) na que reclaman un cambio no marco xurídico para evitar os actuais abusos. O PP estivo tentado a non admitir a trámite esta iniciativa. Diante da presión cidadá e mediática aceptaron a proposta, pero introducen enmendas no trámite parlamentario que anulan as principais propostas da PAH, deixándoa descafeinada. A portavoz da plataforma, Ada Colau (muller valente e perseverante, perseguida e difamada pola caverna mediática) fixo unha brillante defensa da ILP no Parlamento. Agora anuncia que a plataforma retira simbólicamente a iniciativa, ao ver a manipulación do PP. 

Guillem Martinez preguntábase nun artigo: “¿Es el escrache un ejercicio de coacción? Respuesta: sí, absolutamente”.  Mais os poderes públicos teñen  que convivir con estas actuacións. De feito están sometidos  a cotío a numerosas presións, directas e indirectas (lobbys, medios de comunicacion, grupos de presión etc) para condicionar as súas decisións. As persoas maltratadas pola usura bancaria usan os seus propios medios, non violentos, para reclamar xustiza e amparo dos poderes públicos. Mentres o goberno criminaliza os escraches e considera que as súas actuacións son ilegais, o propio presidente do Tribunal Supremo, Gonzalo Moliner, afirmou que as protestas realizadas á beira das vivendas de algúns políticos non foron violentas e, polo tanto, constitúen un exemplo da liberdade de manifestación.

O sociólogo Emir Sader, impulsor do Foro Social Mundial de Porto Alegre, entende que “los desahucios son el  límite moral do sistema”. O pensador francés Pierre Rosanvallon escribe sobre a crise da democracia e debuxa un quinto poder, a cidadanía na rúa, que a modula. Se cadra é iso o que estamos a presenciar: a postdemocracia e a cidadanía na rúa. Parece claro que, ante a coacción financeira e a inacción gubernamental, a xente agredida  e estafada necesita canalizar as súas demandas e reclamar  respostas. Cando menos, non se lle pode negar o dereito á protesta, e non poden ver cegadas tódalas saídas á unha situación de desesperanza e abandono.  

Sinalaba Manuel Rivas que hai colectivos elitistas de acción directa que parecen pretender un desafiuzamento xeral: “el escrache de Los que Mandan quiere imponer un desahucio de las libertades de expresión y manifestación, el único medio de defensa de una sociedad intimidade por unas élites que siguen comportándose como estamentos feudales”. Tamén MarujaTorres lembraba, falando dos escraches, o título dunha novela de Boris Vian, J´irai cracher sur vos tombes (esto quere decir: “chuspirei sobre as vosas tumbas”.)

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario