En Praza Pública
En Galicia Confidencial
Camilo Nogueira vai cumprir
oitenta anos e un grupo de amigos está a organizar unha merecida homenaxe, que
se vai celebrar o vindeiro once de novembro en Santiago de Compostela.
Pretenden que sexa un acto alegre, plural e con moita concurrencia.
Os anos da Transición e da
construción da autonomía de Galicia foron tempos moi intensos na vida política
e estiveron marcados pola poderosa presenza de varios políticos de raza que
quedarán na historia do noso país. A dereita ten unha figura moi notable, para
ben e para mal, que é Manuel Fraga Iribarne. Procedente do franquismo, foi
presidente da Xunta durante dezaseis anos e a súa pegada, con algunhas luces e
moitas sombras (o neo-caciquismo, a corrupción, o Prestige, O Gaiás), é
innegable. Na esquerda nacionalista hai dúas figuras que destacan sobre as demais:
Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira. Os dous naceron no ano 1936, cando
comezaba a guerra civil, e fixeron camiños por veces paralelos e noutros
momentos coincidentes. Ámbolos dous son auténticos referentes para moitos
galegos de ben que os teñen como paradigmas de honestidade e compromiso. Beiras
é o verbo desatado, a presenza desbordante, a indignación ante a inxustiza, a
exhortación á desobediencia. Camilo Nogueira é o traballador incansable, o
vitalista persistente, o optimista histórico que sempre tenta ver o lado
positivo das cousas.
Non teño unha relación de amizade
con Camilo pero participei nos proxectos que el impulsou. Estiven,
modestamente, na creación do POG (Partido Obreiro Galego), na construción de
Esquerda Galega e formei parte da candidatura da coalición Unidade Galega, nas
eleccións municipais do meu concello (Negreira, 1979). Lembro as interminables
reunións en Compostela, nos meus anos de estudante, naquel local enfronte da libraría
Follas Novas. Aquelas xuntanzas eran auténticas clases de teoría e práctica
política. Camilo adoitaba vencer nos intensos debates baseándose na fortaleza
dos seus argumentos e no derrubamento por cansazo dos demais.
Camilo Nogueira foi protagonista
dos principais momentos da vida política de Galicia durante as últimas catro
décadas. Participou na redacción do Estatuto dos dezaseis (1979), documento fundamental
que permitiu iniciar o camiño do autogoberno de Galicia. Foi diputado
autonómico (1981-1999) e destacou pola intenso traballo parlamentario. Cómpre sinalar
a súa proposta de Lei de Normalización Lingüística, aprobada en 1983, para
protexer o galego como “lingua nacional e universal”. Convencido europeísta, e
defensor da Europa dos pobos, tamén foi eurodiputado (1999-2004). En Bruxelas desenvolveu
unha intensa actividade que o levou a realizar máis propostas (sobre diversas materias:
economía, política agraria, pesca, lingua,...) que todos os demais
representantes galegos xuntos. Tamén participou e estivo presente nas
principais mobilizacións realizadas en Galicia nos últimos anos (contra da
guerra, polo desastre do Prestige, pola defensa da lingua, pola sanidade
pública).
O seu compromiso co país é dunha
coherencia insubornable. Home vital e optimista por natureza, a súa profunda
formación intelectual permitiulle abordar a tarefa política con gran solidez e
tamén construír un novo discurso sobre Galicia (superando a “síndrome do aldraxe”, a versión vitimista da
terra asoballada, illada e colonizada, que aínda persiste en algúns discursos),
co que tentou inspirar e impulsar a construción dun país moderno, europeo e positivo.
A característica principal da súa
personalidade é a perseveranza e ten unha capacidade de traballo asombrosa.
Ademais da intensa actividade política exerceu a súa profesión ata os 61 anos e,
nestes últimos tempos, despois de retirarse
da primeira liña da política, publicou varios ensaios nos que reflexiona sobre
Galicia en Europa e no mundo ("A terra cantada",
"Galicia na Unión Europea",
"Europa. O continente pensado").
Saúde e longa vida a Camilo, que tanto ten feito por este país. Temos a obriga
de honralo e o deber de darlle continuidade ao seu labor.
No hay comentarios:
Publicar un comentario