En Praza Pública
Asociación Galega para a Defensa da Sanidade
Pública (AGDSP)
A saúde é un dereito e non debe converterse nun
negocio. As medidas aplicadas polos gobernos do PP, a nivel central e
autonómico, foron en sentido contrario. Son decisións políticas baseadas nunha
ideoloxía clasista (excluínte) que entende a actividade asistencial como un
nicho de negocio. Cómpre garantir a atención sanitaria como un dereito da
cidadanía. Agardamos que das eleccións do próximo 25 de setembro xurda un
goberno progresista que poña fin ás políticas de desmantelamento do sistema
público que está a aplicar o PP. Para iso propoñemos que desde o goberno de
Galicia se apliquen as seguintes medidas.
1. Suspender
en Galicia a aplicación do RDL 16/2102 volvendo a unha Sanidade universal,
eliminando os copagos e garantindo unha Carteira de Servizos única e equitativa
para toda a cidadanía.
2. Recuperación
do financiamento sanitario público aos niveis do inicio da crise Esta medida
terá que ir acompañada da renegociación co Estado do modelo de financiamento
sanitario e de medidas de racionalización do gasto en farmacia, alta
tecnoloxía, privatizacións e concertos.
3. Recuperación
para o Sistema Público Galego dos centros e servizos asistenciais privatizados
(novo hospital de Vigo e Laboratorio Central de Galicia) mediante un plan a
curto, medio e longo prazo, que inclúa unha auditoría dos contratos e concesións
co sector privado, denuncias legais das irregularidades detectadas e establecer
estratexias de negociación.
4. Recuperar
a titularidade pública do Sistema Información Sanitaria do SERGAS (Historia
Clínica, Receita Electrónicas e Central de Chamadas). Facilitar que os
profesionais do sistema sanitario público accedan á información que xeran coa
prohibición do acceso aos mesmos polos centros privados, salvo no caso das
actividades concertadas (con carácter complementario). Obrigatoriedade de que
todos os centros e servizos realicen anualmente memorias sobre os seus recursos
e actividades.
5. Acabar
coa figura do “socio tecnolóxico” para adquirir o equipamento tecnolóxico, e
cos Institutos de Investigación Biomédica acolleitos ao modelo de colaboración
público privada e controlados pola industria farmacéutica. Creación dun fondo
público de investigación biomédica que reciba como mínimo o 1% do orzamento
sanitario e que sexa de xestión pública sen participación privada.
6. Recuperar
o nivel de emprego no SNS, mediante un plan que inclúa un diagnóstico de
necesidades do sistema, estableza prioridades e acabe coa precariedade laboral.
Acabar coa amortización de prazas por xubilación.
7. Elaborar
un plan integral para afrontar a situación das listas de espera desde a
Sanidade Pública mediante a ampliación das camas hospitalarias, utilización
plena dos centros hospitalarios, políticas de persoal incentivadoras, mellora
da capacidade resolutiva da Atención Primaria, dotación de recursos adecuados
aos Servizos de Urxencias extrahospitalarios e esixencia da dedicación
exclusiva dos traballadores sanitarios.
8. Recuperar
o Plan de Mellora da Atención Primaria que a poña no centro do sistema e
potencie a súa capacidade resolutiva dotándoa do persoal, equipamento e acceso
aos recursos diagnósticos necesarios para garantir as políticas de promoción e
prevención de saúde e unha asistencia de calidade.
9. Suprimir
as Unidades de Xestión Integrada e
recuperar as Xerencias de Atención Primaria.
10. Potenciar
as Áreas Sanitarias como espazos para a coordinación de niveis e servizos
asistenciais e coa Sanidade Pública. Reintegrar aos hospitais comarcais os
recursos e servizos que perderon nos últimos anos.
11. Obrigatoriedade
de elaborar un Plan Galego de Saúde cuatrienal que oriente a política da
Consellería de Sanidade e do SERGAS complementado por Plans de Saúde en cada
Área Sanitaria que definan os recursos necesarios, os programas e actividades a
desenvolver por centros e servizos, en función das súas necesidades e problemas
de saúde detectados coa participación da poboación e dos traballadores
sanitarios.
12. Acabar
coa libre designación dos cargos de xestión dos centros sanitarios mediante a cobertura
das prazas por concursos públicos de acordo cos principios de igualdade, mérito e capacidade, con
avaliacións do desempeño.
13. Acabar
coa contratación lixo, desenvolver incentivos baseados na calidade asistencial,
transparentes e con control democrático e recuperar os dereitos laborais
eliminados polo PP.
14. Garantir
a formación continuada de todos os traballadores sanitarios de xeito
independente e con contidos fundados na medicina baseada na evidencia sen
presenza da industria farmacéutica.
15. Desenvolver
en todos os niveis e centros do sistema instrumentos e mecanismos para
favorecer a participación social e profesional.
Galicia, setembro de 2016.
No hay comentarios:
Publicar un comentario