En Nueva Tribuna
En Praza Pública
En Galicia Confidencial
A sanidade pública galega,
durante os dous mandatos de Núñez Feijoo, foi sometida a un proceso de
degradación permanente. Non foi por causa da crise nin provocada pola
incompetencia do goberno; pola contra o Partido Popular, desde o poder, foi moi
eficaz para aplicar de xeito contundente unha estratexia de desmantelamento dos servizos públicos
coa finalidade de crear espazos de negocio favorables aos intereses financeiros
e ás empresas afíns, que conseguen beneficios a expensas do erario público.
Desde 2009 ata 2015 reduciron o
orzamento sanitario un 18.3%, situando a Galicia como a CCAA que aplicou o
recorte máis profundo. Tamén eliminaron nese tempo case 1.800 prazas da
sanidade pública -sendo a Atención Primaria o nivel máis afectado-, e
suprimiron 450 camas hospitalarias públicas, a pesar do crecemento das listas
de espera e da permanente conxestión dos servizos de urxencias. A degradación das condicións laborais
chegou a ser alarmante (hai traballadores sanitarios que acumulan máis de cen
contratos nun só ano).
Mentres tanto entregaron a mans privadas cada vez máis
parcelas de actividade (ambulancias, historia clínica electrónica,
telecomunicacións, cita previa, suministro e loxística, mantemento de equipos
sanitarios, xestión da limpeza, servizo de catering,
teleasistencia...), e teñen en carteira o proxecto de Unidades de Xestión
Clínica, co que pretenden privatizar a propia actividade sanitaria nos hospitais
e centros de saúde: poderían abrir a porta ao mercado, á xestión privada e á
laboralización do persoal.
Tamén renovaron por dez anos o concerto co hospital privado Povisa de Vigo (75 millóns de euros
anuais) e puxeron en mans dunha empresa concesionaria (integrada por construtoras
arruinadas e bancos rescatados) a xestión do novo Hospital Álvaro Cunqueiro (70
millóns de euros durante vinte anos). A Administración
pública queda cunha severa hipoteca, e a sanidade do sur de Galicia en mans
privadas para moito tempo.
Se a todo isto engadimos o
crecemento imparable do gasto farmacéutico (pola apresurada e imprudente
incorporación de novos fármacos de uso hospitalario, de utilidade pouco
comprobada pero con prezos desmesurados), a entrega da xestión da tecnoloxía
sanitaria ás propias empresas (mediante o curioso sistema de contratación do
“socio tecnolóxico”), e a cesión de parcelas moi sensibles do sistema (xestión
da información, control de datos, investigación, contratación,...) a empresas
privadas, podemos concluir que o sistema
sanitario público está en risco pois, de non poñer freo á política actual,
pode chegar a ser insustentable.
Se o vindeiro 25 de setembro hai
un cambio político en Galicia (que eu considero imprescindible) a sanidade pública deberá ser unha das
áreas de atención prioritaria para frear o seu deterioro e reverter a
situación actual. O novo goberno deberá traballar, coa máxima decisión política
e a maior seguridade xurídica, para restaurar o dano causado. Será un camiño
longo e dificil (pola escaseza de recursos, as dificultades legais, as
resistencias ao cambio e a intensa infiltración que o PP ten nas estruturas
centrais e periféricas da sanidade).
O traballo deberá dirixirse en tres
direccións fundamentais: reforzar o sistema público, incrementar a súa
capacidade de atención e restaurar a calidade asistencial (incremento
progresivo do financiamento e recuperación do persoal restado) para abordar o principal
punto negro do sistema, as enormes listas de espera; tamén haberá que recuperar
a dignidade profesional (tan degradada nestes anos de goberno do PP) e
conseguir unha implicación dos traballadores na mellora dos servizos públicos;
e haberá que iniciar un camiño de recuperación das áreas externalizadas
para que pasen a ser controladas pola Administración e realizadas por
traballadores públicos.
Aínda estamos a tempo. Os defensores da sanidade pública entendemos
que a saúde é un dereito dos cidadáns e o sistema sanitario un elemento clave
de cohesión social. Non podemos deixar que a convertan nun negocio. Os nosos
sucesores deben ter dereito a unha atención sanitaria, cando menos, como a que
aínda temos a día de hoxe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario