Os novos fármacos de uso
hospitalario, de prezo desmesurado e escasa eficacia en moitos casos, poñen en
risco a sustentabilidade do SNS
Manuel Martín. Presidente da
Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública
O Ministerio de Facenda en funcións decidiu este mes
de agosto o peche contable da Administración, que impide aprobar novos gastos
do sector público, co obxectivo de afrontar a desviación do déficit público e
cumprir coas esixencias da Comisión Europea, que esixe novos recortes para
reducilo. A Sanidade Pública vai ser un das áreas máis afectadas por esta
medida, xa que pretenden aforrar outros 1.000 millóns de euros. Paradoxicamente
esta conxelación non afectará ao gasto farmacéutico, a causa máis importante do
crecemento do gasto sanitario, dado que o Ministerio anunciou que a medida non
impedirá financiar novos medicamentos innovadores nin afectará á política
farmacéutica. Con esta decisión o PP
mostra unha actuación de complicidade coas empresas farmacéuticas.
O crecemento do gasto
farmacéutico pon en cuestión a sustentabilidade financeira do Sistema Nacional
de Saúde (SNS). Recortaron o gasto sanitario público nun 11%
(máis de 9.000 millóns de euros entre os anos 2008 e 2015) amparándose na
necesidade de cumprir coa Lei de Estabilidade Orzamentaria; pero o gasto en
medicamentos medrou de maneira desbocada, ata
alcanzar a astronómica cifra de 16.000 millóns de euros, o que coloca a
España no segundo lugar mundial en consumo de medicamentos per cápita.
Aumentou o gasto nas oficinas de farmacia (case un 8% no mes de maio respecto
ao ano pasado), pero onde o crecemento é brutal é nos hospitais: un 26% ao longo
do 2015. Ademais de elevado o gasto farmacéutico en España é en boa parte
irracional, xa que se utilizan pouco os xenéricos (6.5 puntos por baixo da
media da Unión Europea), e ademais prescríbense excesivamente fármacos de
utilidade dubidosa ou de uso cuestionable. Debemos lembrar que o mal uso de
medicamentos non é inocuo: os efectos secundarios dos fármacos considérase como
a terceira causa de mortalidade nos países avanzados.
En Galicia a situación é grave e
perigosa,
cun gasto farmacéutico total de 250 euros por habitante ao ano, moi superior á
media estatal de 212, e a terceira máis alta do Estado. Ao mesmo tempo o
crecemento do gasto farmacéutico hospitalario (sen incluír os medicamentos da
hepatite C) foi espectacular -cunha taxa de variación inter-anual do 26,8 moi
superior á de 5,9 do conxunto de CCAA-, a máis alta de todas, probablemente
relacionado co incremento do uso de novos medicamentos (non inclúe os fármacos
da hepatite C).
As políticas do goberno, supostamente dirixidas a
reducir gasto farmacéutico, foron un fracaso. A introdución do copago de
medicamentos para os pensionistas (RDL 16/2012) trasladou o gasto ás
depauperadas economías familiares -mentres que a Administración só aforrou seis
millóns de euros-, e o acordo entre o Ministerio e Farmaindustria (para que o
gasto en fármacos non medrase por encima do PIB) foi papel mollado: o gasto
creceu case ata o 10% fronte a un 3% de aumento do PIB. A propia Comisión
Europea puxo en cuestión as medidas de control do gasto farmacéutico do goberno,
xa que non conseguiron as reducións
contempladas na Lei de Estabilidade Orzamentaria, especialmente no referente ao control de
receitas expedidas en establecementos de
farmacia e en hospitais; vulneraron a lexislación comunitaria na contratación
pública e nos mecanismos de control da mesma;
utilizaron de maneira abusiva o procedemento negociado sen licitación
previa para adquisicións de equipamento sanitario (fraccionando os contratos de
compras para evitar a súa licitación); e hai pouca transparencia nos
procedemento de adquisición de medicamentos.
Quen perdeu con estas políticas
de recorte de gasto asistencial e de crecemento do gasto farmacéutico? Os
enfermos
(un informe do Consello Económico e Social recolle un espectacular incremento
nas listas de espera cirúrxica, que pasaron de 372.468 no ano 2009 a 549.424 en 2015: un aumento do
47%); os pensionistas e persoas de rendas baixas (os copagos son unha
barreira insalvable e hai datos que revelan que moitas persoas non poden
retirar os medicamentos prescritos polos seus médicos); e os traballadores
sanitarios (entre 2009 e 2014 reduciron en 3.500 millóns de euros o gasto
en persoal -un 11%-, aplicaron unha notable redución salarial -un 13%-, e
recortaron uns 12.000 postos de traballo no SNS, aínda que os sindicatos fan
estimacións máis elevadas).
A pesar diso a industria
farmacéutica parece ter carta branca e pretende sacar ao mercado novos medicamentos cada vez máis custosos,
imposibles de financiar cos actuais prepuestos sanitarios. Os laboratorios
pretenden comercializar 220 novos medicamentos para tratar o cancro
(actualmente supoñen xa o 12,3% do gasto hospitalario, sen que incrementasen
significativamente a supervivencia dos pacientes) ou fármacos biolóxicos (modifican as
bacterias para fabricar proteínas para tratar tumores ou artrites) que supoñen
xa o 40-50% do gasto en farmacia hospitalaria (entre 1.800 e 2.250 millóns de
euros, cando hai apenas 10 anos o seu
gasto era nulo). As multinacionais farmacéuticas anunciaron recentemente que están
a investigar 586 novos fármacos (en Fases II, III e de aprobación) e que teñen
xa 136 en fase de desenvolvemento previo á súa comercialización. Esta
avalancha de fármacos (moitos deles de eficacia non comprobada e desde logo
cuns prezos exorbitantes, sen relación cos gastos de investigación e
fabricación) pode poñer en risco a sustentabilidade económica do SNS e
aumentará as desigualdades de saúde, dado que o acceso a estes novos
fármacos quedará limitado á poboación con maior poder adquisitivo, como recoñecen
os mesmos laboratorios.
Lonxe de preocuparse pola previsible catástrofe
sanitaria á que nos conducen, o goberno en funcións do PP persiste na súa
política de conxelar o gasto sanitario pero manter a porta aberta ao
financiamento dos novos (e custosos) medicamentos, para satisfacer os intereses
das multinacionais farmacéuticas (trufadas de antigos cargos da
Administración).
En Galicia a situación é ainda máis preocupante, xa que ocupa un dos primeiros lugares en gasto farmacéutico, e o crecemento do gasto en fármacos hospitalarios foi espectacular. A pesar diso os recortes en gasto sanitario perpetrados polo goberno de Núñez Feijoo foron enormes.
En Galicia a situación é ainda máis preocupante, xa que ocupa un dos primeiros lugares en gasto farmacéutico, e o crecemento do gasto en fármacos hospitalarios foi espectacular. A pesar diso os recortes en gasto sanitario perpetrados polo goberno de Núñez Feijoo foron enormes.
Coma sempre , " chapó " .
ResponderEliminarUnha aperta.