Sanatorio Baltar |
As guerras provocan cambios definitivos na vida
das persoas. Hai feridas que tardan décadas en cicatrizar. A guerra civil foi
unha confrontación longa e cruel que debuxou un territorio de morte, desolación
e fame, e deixou o país dominado pola ditadura franquista. Hai feridas
abertas e moitas familiar aínda buscan aos seus mortos. Morreron centos de
milleiros de persoas, moitos foron perseguidos torturados e encarcerados; outros
fuxiron ao estranxeiro para reiniciar unha nova vida, lonxe da opresión e da
miseria.
Os irmáns Ramón e Antonio Baltar Domínguez (nados
en Santiago en 1902 e 1906) son un exemplo de como muda o destino das persoas
co impacto dunha confrontación bélica. Tamén son un exemplo de coherencia
biográfica e compromiso co país a pesares da crueldade da guerra e da posterior
opresión da ditadura franquista.
Ramón Baltar Dominguez, sentado á dereita |
A Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) celebra o
25 de novembro un acto público para honrar a súa memoria, ás 12.30 horas, no
Salón Nobre do Pazo de Fonseca. O historiador Ricardo Gurriarán fará unha
semblanza dos homenaxeados e a celebración contará coa presenza do alcalde de
Santiago. Esta organización, que pretende recuperar para a memoria colectiva
estes referentes ilustres da nosa historia recente, ten como obxectivo
principal impulsar o uso do idioma galego na práctica sanitaria. Vinte novos
irmandiños vanse incorporar a ISAGA neste acto.
Os irmáns Baltar Domínguez naceron a primeiros do
século XX, eran fillos do famoso cirurxián Angel Baltar Cortés (considerado
como o “pai da medicina moderna galega”) e pertencen a unha longa e extensa
saga de profesionais da medicina compostelá. Ámbolos dous estudaron Medicina e
a súa vida parecía destinada a unha plácida traxectoria vital dedicada ao
exercicio da profesión e á docencia na Universidade. Pero a guerra separou os
seus destinos.
Antonio Baltar Dominguez |
Antonio foi profesor da Facultade de Medicina
entre 1934 e 1936 e tamén colaborou na creación da “Agrupación ao servizo da
República” en Compostela. Cando se inicia a guerra foi castigado pola súa
posición política e suspendido de emprego e soldo na Universidade; tivo que
exiliarse a América. En Arxentina revalidou o seu título de doutor en Medicina,
fundou un sanatorio en Avellaneda e desenvolveu unha brillante traxectoria profesional
ao mesmo tempo que colaboraba cos intelectuais galegos no exilio (Rafael
Dieste, Luís Seoane, Díaz Pardo). Morreu novo, en 1970, no hospital Ribadavia
de Bos Aires.
Ramón Baltar, cirurxián e profesor da Facultade
de Medicina, foi mobilizado ao iniciarse a guerra civil para traballar como
cirurxián no bando franquista. Foi acusado de ser “cotizante del Socorro Rojo,
isquierdista, propagandista del Frente Popular y masón”. Conseguiu saír
sobresido pero en 1939 foi sancionado de novo coa inhabilitación perpetua para todo
tipo de cargos directivos. Na inmediata posguerra deu apoio médico a fuxidos e
guerrilleiros da comarca de Santiago. O famoso Foucellas foi atendido no seu
Sanatorio despois de ferirse coa súa propia arma.
Os irmáns Baltar Domínguez deben ser un referente
para aos profesionais sanitarios e para toda a sociedade galega. Consideramos
moi necesario honrar a súa memoria e poñelos como exemplo de coherencia e
dignidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario