Xosé González Martinez é unha figura importante na historia
recente deste país. Nos seus anos mozos, na militancia clandestina, cando
participou na creación da Unión do Pobo Galego (UPG), era coñecido como Pepiño
de Teis, pois foi nese barrio vigués onde naceu hai sesenta e seis anos. Os que
o coñecemos máis tarde chamámoslle Pepe de Redondela, pola súa longa
vinculación laboral con ese concello do sur de Galicia. Agora que lle chega o
momento da xubilación cómpre facer un recoñecemento público dos seus méritos e
do seu traballo.
Non podo falar do papel que xogou nos anos clandestinos,
cando foi un protagonista importante do renacemento político do nacionalismo
galego, pois descoñezo os detalles. El tampouco conta moito dese tempo aínda
que teño a certeza que podería escribir unha memorias con moita substancia. El
verá cando se pon á tarefa, se así o considera. Mais nas últimas décadas fixo
unha labor de gran trascendencia para “galeguizar Galicia”, en defensa da
cultura e da lingua propia.
É o impulsor principal dun enramado de organizacións que
aglutinan a centos de persoas arredor do compromiso con Galicia e co galego.
Desde a creación da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística
en 1984 (que acollerá posteriormente a Irmandade Xurídica e a Irmandade
Sanitaria), foron xurdindo iniciativas: a Fundación Lois Peña Novo, a
Asociación Álvaro das Casas, o Foro Enrique Peinador, a Asociación de Amigos do
Couto Mixto... É o máis parecido a un holding empresarial como o de Rumasa,
que montou Ruíz Mateos para facerse multimillonario. Pero Pepe, en lugar de
facer cartos, dedicou todo o seu esforzo a facer país, a potenciar a cultura e
o idioma propio. Nestes últimos anos dedicou moito tempo e enerxía a potenciar
o etiquetado de produtos en galego –como un elemento de identificación e
prestixio-, a procurar a galeguización das numerosas orquestras que existen en
Galicia -que arrastran tanto público polas romarías-, e a promover o uso do
galego nos actos funerarios e nas lápidas dos cemiterios, pois resulta
sorprendente a absoluta desgaleguización dos rituais que se realizan arredor da
morte.
Xosé González fixo nestas últimas décadas, e continúa a
facer, un traballo de extraordinaria importancia para o país. Desde un segundo
plano, sempre sen buscar o protagonismo, está detrás de numerosas iniciativas
sociais, culturais e políticas de gran relevancia. Hai unha idea, que comparto
totalmente e que el recorda con reiteración: o porvir do país e do idioma non
está na poesía, non está na literatura. Ou conseguimos que a lingua estea viva
nos xulgados, nos hospitais, nas empresas, na rúa e nos patios de xogo, ou non
terá futuro. A lingua ten que estar na vida cotiá e non ser só un elemento
ritual dos actos políticos e dos xogos florais.
Comecei a ter contacto máis intenso e frecuente con Pepe de
Redondela en 2005, cando tiven a honra de recibir o premio Lois Peña Novo. Desde
2010 puxemos en marcha, con outros compañeiros, a Irmandade da Sanidade Galega
(ISAGA), que pretende promover a utilización do galego no ámbito sanitario.
Neste intre ISAGA conta con máis de trescentos
irmandiños, persoas que se comprometen a usar o galego na vida e no exercicio
da profesión.
Hai dúas características que definen a personalidade de Pepe
de Redondela: a coherencia e a perseveranza. Nos seus anos mozos asumiu un
compromiso con Galicia que non abandonou en todo o seu periplo vital; con erros
e acertos, que de todo haberá, a súa fidelidade foi sempre inquebrantable. E da
súa perseveranza dan testemuña os numerosos proxectos que foi quen de impulsar
e soster, nestes tempos tan difíciles. Dos seus anos de actividade clandestina
quedoulle unha actitude de seriedade e distancia afectiva que non é real. Pepe
é, ademais de todo o dito, un home afectuoso e sentimental, que vive con paixón
o seu compromiso; un home leal e con elevado sentido da amizade. Recordando a
Bertolt Brecht, podemos dicir que é un dos imprescindibles.
“Hai homes que loitan
un día e son bos. Hai outros que loitan un ano e son mellores. Están os que
loitan moitos anos, e son moi bos. Pero hainos que loitan toda a vida: eses son
os imprescindibles”. (Bertolt Brecht)
PD: Pepe de Redondela vai recibir
unha homenaxe o 31 de marzo no Castelo de Soutomaior.
No hay comentarios:
Publicar un comentario