Don Manuel Peña Rey |
A Irmandade da Sanidade Galega
(ISAGA), organización que pretende promover o uso do galego no ámbito
sanitario, celebra este ano a súa Asemblea en Ourense (o vindeiro día 28 de
novembro) na que rende homenaxe ao doutor Manuel Peña Rey. Esta será a quinta
edición do encontro, no que tamén se incorporarán 30 novos irmandiños-as, persoas
comprometidas co idioma galego no desempeño do seu labor profesional.
En anos anteriores ISAGA honrou a
memoria de Manuel Reimondez Portela (o médico dos pobres da Estrada, autor do
libro “Un médico na aldea”) en 2011; a de Ramón Obella Vidal (investigador,
empresario cofundador de Zeltia e galeguista) en 2012; a de Fausto Galdo
(pioneiro da Reumatoloxía en Galicia e reputado gastrónomo) en 2013; e a de
Xosé Manuel López Nogueira (ilustre psiquiatra compostelán, de profundo
coñecemento filosófico recollido no libro “Dialéctica existencial y
psicoanálisis”) en 2014.
Neste 2015, ISAGA quere honrar e
recuperar para a memoria colectiva a figura do xinecólogo e político galeguista
don Manuel Peña Rey. Naceu en Cotobade (en 1899?) e desenvolveu a súa actividade
profesional en Ourense. Na II República foi director do Hospital Provincial e
presidente do Colexio de Médicos. Como militante galeguista chegou a ser o
presidente do Partido Nacionalista Republicano de Ourense (PNRO) e fixo campaña
pola Fronte Popular nas eleccións de 1936. Foi destituido nos inicios de guerra
civil, no verán do 36, e estivo encarcerado no Carballiño. Tardou máis de oito
anos en ser rehabilitado.
Dibuxo de Castelao |
Manuel Peña Rey foi un dos
pioneiros da Obstetricia e Xinecoloxía en Ourense;
non está moi claro se foi o primeiro médico desta especialidade en establecerse
na cidade, pero hai constancia documental que acredita a súa presenza desde o
ano 1918. Foi o seu mestre Manuel Varela –prestixioso xinecólogo galego
afincado en Madrid- quen lle aconsellou instalarse en terras ourensás. Na
revista galeguista Nós aparecen, ao longo dos anos, diversas insercións publicitarias das clínicas e
sanatorios que Peña Rey puxo en marcha na cidade. O psiquiatra David Simón, que
ten escrito en varias ocasións sobre este personaxe, será o encargado de glosar
a súa figura. No acto estará presente Manuel Peña-Rey Bouzas,
fíllo do homenaxeado, tamén médico e figura destacada do comunismo ourensán:
agora é o presidente de honra do PCG.
Con este acto de recuperación da
memoria histórica ISAGA quere honrar a todos aqueles que, en tempos ben
difíciles, souberon manter o seu compromiso co país e coa lingua. Servirán de
exemplo ás novas xeracións, para perseverar na tarefa de defender a nosa
cultura e o noso idioma, auténtica riqueza que non nos pertence: é un ben da
Humanidade enteira, e con ela debemos sentirnos comprometidos.
Anuncio publicado na revista Nós, 1920-5 |
Anuncio da Clínica Peña Rey, no periódico socialista La Lucha (Ourense, 1931) |
Pareceme moi ben que despois de tantos anos se lle faga un reconocemento e homenaxe o doutor que nos axudou a moitos ourensans a vir o mundo.
ResponderEliminarEn 1918, según este relato, tendría 19 años, muy joven para establecerse como ginecólogo en Orense
ResponderEliminar