O paro. Desde as bancadas da oposición Feijóo sinalaba a Touriño como o principal responsable da crise e do paro. Cando o PP ocupou o poder, en abril de 2009, a media de parados estaba cinco puntos por debaixo da media estatal. En 2010 a taxa de paro en Galicia medrou un 20.9%: a máis elevada de todas as comunidades. Pero agora Feijóo, que na campaña electoral prometeu rematar co paro e crear 43.500 postos de traballo nun ano, asegura que non ten competencias para abordar semellante problema.
Hai poucos días os portavoces da oposición lembráronlle as súas responsabilidades en materia de traballo, emprego e formación, e fixéronlle un debuxo da situación actual: 40.000 parados máis que hai un ano, 75.000 empregos destruídos e 245.000 galegos sen traballo. Pero o actual presidente, acabado de chegar das súas vacacións de Nadal polo Caribe, sinala a ZP como responsable da desfeita, e declárase abertamente incompetente para afrontar o reto.
O catálogo. O goberno galego impuxo, a primeiros de ano, un catálogo restritivo de fármacos que exclúe do financiamento público moitos medicamentos que si están financiados no resto do Estado. Adoptou a medida sabendo que as autonomías non teñen capacidade lexislativa neste terreo e vulnerando, polo tanto, as competencias estatais. O Avogado do Estado vén de presentar ante o Tribunal Constitucional un recurso contra o dito listado por entender que discrimina os galegos e racha a igualdade de acceso á prestación farmacéutica. Subliña que as autonomías "están facultadas para incluír nas súas carteiras de servizos novas prestacións pero en ningún caso poden excluír fármacos incluídos polo Ministerio de Sanidade".
Pero o actual presidente non tivo dúbidas. Porque, neste caso, non se trata dunha medida para mellorar a vida dos galegos senon dunha manobra desleal -incumpre as leis adrede para provocar un conflicto entre as dúas administracións- e unha xogada de xadrez deseñada con fins propagandísticos, co único propósito de danar a imaxe do goberno central. Se o Ministerio non presentase o recurso Feijóo aparecería como un campión. Como o goberno central non tivo máis remedio que recorrer, para preservar a legalidade democrática, agora usa outro argumento: ZP é cómplice da industria farmacéutica e responsable do gasto farmacéutico en Galicia. Estas actuacións frívolas só serven para amosar a propia incompetencia e fomentar o descrédito da política entre os cidadáns.
No hay comentarios:
Publicar un comentario