Ánxel Vázquez de la Cruz presentou na Coruña o seu primeiro libro de narrativa, Luz de tebra. Trátase dun feixe de relatos situados en contornos xeográficos que forman parte da súa propia biografía: Tui -a súa infancia-, Santiago -os anos de Universidade- e A Coruña -onde desenvolveu a sua vida profesional durante moitos anos-. É, polo tanto, un libro autobiográfico, na medida que recolle historias de personaxes reais ou inspirados na realidade vivida polo autor, que son retratados nestas páxinas con grande habilidade narrativa e intensa proximidade afectiva. Se algúns dos tipos que aparecen nestas páxinas non tiveron vida propia ben merecerían a existencia, vendo o apego que amosa o autor ao relatar as súas peripecias. Quedan xa, de feito, como presenzas importantes na literatura galega, á beira das criaturas de Cunqueiro ou Fole.
Vázquez de la Cruz é médico de profesión. É unha persoa moi coñecida e apreciada na Coruña, onde foi director do Hospital Materno-Infantil durante moitos anos. Formado en Catalunya, acadou un gran prestixio profesional como pediatra e neonatólogo, á vez que se destacaba pola súa militancia na beira esquerda do mapa político. Foi sempre un excelente conversador, dotado de ampla cultura e dunha fina ironía que envolve o seu forte sentido do humor.
No exercicio da medicina está no bando dos que cren no valor curativo das palabras. Afirma que o primeiro deber dun bo médico é saber escoitar, con empatía e respecto, os males dos doentes. Esa escoita, en si mesma, xa ten valor terapéutico: é un dos fármacos máis potentes que podemos utilizar. Ese afecto pola palabra reflíctese no exercicio profesional, na conversa e tamén neste libro de relatos, que publica en galego porque quere, nestes tempos de dificultade, situarse á beira dos que o falan e valoran, entendendo que a infancia e a lingua son as nosas verdadeiras patrias.
Vázquez de la Cruz, a semellanza dun dos persoaxes do seu libro (O Negro, un fóra da lei que xa desde neno quería ser gánster, a quen chaman o Divinas Palabras pola súa habilidade para contar historias) tamén podería, noutra época, gañar a vida polas feiras, facendo uso do seu verbo engaiolante. Só por poñer unha obxección: Ánxel, por que tardaches tanto? Non era preciso agardar ata os 67 anos para publicar os teus escritos. Máis non é problema; tamén Saramago empezou pasados os sesenta e acadou o premio Nobel.
No hay comentarios:
Publicar un comentario