O presidente da Xunta anuncia a licitación do proxecto e a obra do futuro hospital de Vigo. Presume o presidente de que a Xunta non comezará a pagar esta obra ata o 2013, xa que se realizará por un procedemento que permite o "pago aprazado". O que sucede con esta nova proposta (PFI ou Iniciativa de Financiación Privada) é que unha empresa privada (ou grupo empresarial) será a encargada de proxectar, financiar e construír o hospital, e despois xestionar os servizos non asistenciais deste. A administración deberá pagar un canon anual pola utilización das instalacións, será a responsable da prestación dos servizos asistenciais e a construción non pasará a ser propiedade do Sergas ata que pasen vinte anos.
Esta fórmula non é nova. En España vénse aplicando fundamentalmente nas comunidades gobernadas polo PP (Madrid, Valencia, Murcia). A avaliación destas experiencias permite afirmar que este método resulta moito máis caro para a Administración pública, reduce os recursos dispoñibles para a prestación asistencial, limita a capacidade dos hospitais para adaptarse ás innovacións tecnolóxicas, reduce a transparencia na xestión dos centros hospitalarios e deteriora a calidade asistencial. Con este método, as empresas privadas corren escaso risco. En Madrid ningun dos sete hospitais construídos con esta fórmula foron entregados no prazo acordado, sen que isto supuxese ningunha sanción para a empresa promotora. O caso de Alzira é paradigmático: as perdas económicas do Hospital de Alzira foron resoltas polo Servizo Valenciano de Saúde que o rescatou pagando 70.379.515 euros, saneouno e devolveuno libre de cargas cun contrato máis favorable ao consorcio privado (494,72 euros por persoa no ano 2006, un 30% superior ós 379 euros do 2003). O custo da operación supuxo o 40% do investimento sanitario da CCAA valenciana no 2006.
O sistema sanitario público queda sometido para moitos anos ás empresas concesionarias, e se pretendese rescatar os hospitais antes do prazo fixado deberían indemnizalas polo montante das ganancias previstas (lucro cesante). Isto imposibilita na práctica rescindir uns contratos moi pouco vantaxosos para o sector público. De seguir adiante este proxecto, a sanidade pública galega quedará hipotecada por moito tempo, pero algunhas empresas quedarán ben saneadas con diñeiro público.
No hay comentarios:
Publicar un comentario