O último día que estiven na casa de meus pais tentei visitar a balsa do río Alvariña, donde nos bañabamos de rapaces. Non foi posible: unha densa matogueira ocupa os antiguos camiños e impide o acceso á beira da auga. As cortiñas, antes tan valoradas, agora están invadidas pola maleza. No outro lado da ponte, onde estaban os montes da Beria e fértiles terras de labranza, agora vese o asfalto e as farolas dun enorme parque industrial que nunca foi utilizado, ocupado tamén polos toxos e as xestas. É a paisaxe do abandono agrícola e da carencia de desenvolvemento industrial, convertido xa en ruína. Hai moitos lugares de Galicia con esta mesma imaxe: a morte dos camiños, o abandono dos ríos, a destrución da paisaxe. Xa dicía Manuel Rivas que este é un país cheo de conservadores que non son quen de conservar o que paga a pena.
De non poñerlle remedio ese pode ser o noso destino. Galicia fixo mal o tránsito da economía rural á modernidade e tivo unha clase dirixente que non soubo aproveitar as potencialidades desta terra e as súas xentes. De non variar o rumbo podemos atoparnos, en poucas décadas, cunha xeografía de abandono na que só se conservarían determinados elementos como integrantes dun Parque Temático, para o lecer dos visitantes. Marcial Gondar ten advertido deste risco e o psiquiatra Antón Seoane ten descrito o seu pesadelo: "Visitaremos explotacións agrarias, con vacas incluídas. Contemplaranse aldeas abandonadas, reconstruídas á sazón, con lugareños de atrezzo, e haberá unha área adicada ao mundo do mar con naufraxio de cartón pedra...". Tamén Santiago Lamas (Galicia borrosa) describe como o que hai anos era cotián e se perdeu, recupérase agora en forma de folclore e turismo.
Dese xeito, o Camiño de Santiago rexorde desprovisto das antigas motivacións relixiosas, os pazos e mosteiros en ruínas recupéranse para acoller turistas rurais, os hórreos son trasladados como elemento ornamental aos xardíns dos novos ricos, as ferramentas do campo pasan ás paredes das adegas e das casas rehabilitadas, e as celebracións rituais do campo convértense nas numerosas e multitudinarias festas gastronómicas que fan de Galicia o lugar das grandes paparotas. Non estamos lonxe desta visión premonitoria, coa cultura popular convertida nun motivo de atracción turística e o galego como lingua ritual. Algo teremos que facer, para fuxir deste futuro tan indesexable.
No hay comentarios:
Publicar un comentario