martes, 15 de marzo de 2011

Enterrados

Chegou estes días ao cinema unha película dirixida por un mozo galego (Buried, de Rodrigo Cortés), que relata a claustrofóbica experiencia dun soterrado en vida. Pero a realidade, ás veces, é máis terrible que a ficción: desde o pasado cinco de agosto hai trinta e tres mineiros que sobreviven enterrados nunha mina a setecentos metros de profundidade, no medio do deserto de Atacama, no extremo norte de Chile.
Ese día produciuse un derrubamento no interior da mina San José, donde extraían cobre e ouro. Cando xa se perderan as esperanzas de atopalos con vida, o día vinte e dous de agosto unha sonda logrou chegar ata eles. Enviaron ao exterior unha mensaxe: "Estamos ben no refuxio, os trinta e tres". O Goberno do conservador Sebastián Piñera puxo todo o interese para rescatar con vida estes homes. Contan co asesoramento da Nasa, chegaron as perforadoras máis potentes, estase a utilizar alta tecnoloxía e os encerrados dispoñen de apoio psicolóxico con expertos en situacións de illamento extremo. Montouse un plan sen precedentes para mantelos vivos, alimentados e psicoloxicamente enteiros, namentres se realizaba a complexa operación de rescate, a máis dificultosa na historia mundial da minería. Despois de máis de dous meses de traballo intensivo semella que o rescate se vai producir nos próximos días.
Todo isto non tería ocorrido se na mina houbese as adecuadas medidas de seguridade, pero nestas explotacions traballan en condicións semellantes ás de hai cen anos en Europa. Xa houbo accidentes e mortes nos últimos tempos e todos, propietarios e mineiros, eran coñecedores do risco. De non ter sobrevivido, hoxe estarían xa esquecidos, pero deste xeito convertéronse en estrelas mediáticas e as imaxes do encerramento foron transmitidas a todo o mundo. Sairán en breve, terán o seu minuto de gloria e pasearanos durante un tempo breve polos platós das televisións para logo volver ao de sempre: a poñer en risco as súas vidas para gañaren o pan de cada día
Mentres os seus familiares agardan na superficie, no campamento improvisado onde se apoian mutuamente para vencer a desesperanza, os soterrados levan a cabo un minucioso plan para coidar a saúde e manter a integridade psicolóxica, tan vulnerables nestas condicións extremas. Un dos mineiros foi pai nestes días, e fixéronlle chegar unha foto da naipela ata o refuxio; chorou de alegría ao contemplala. A nena chámase Esperanza..

No hay comentarios:

Publicar un comentario