Este sábado despertou con néboa. Mañá a nosa selección enfróntase a Holanda na final do campionato do mundo. Todos agardamos que gañe, mais o feito de chegar aquí é xa un éxito incuestionable. Xogan once mozos, procedentes dos distintos pobos de España, que perseguen un obxectivo común, o triunfo, pero hai unha multitude que se sente representada nesta confrontación. Estes enfrontamentos non deben deixar rancores nin contas pendentes. Os afeccionados poden ver o partido xuntos no mesmo bar, e os xogadores de ambos os equipos abrázanse ao final. Tamén é certo que o fervor colectivo destes días ten efectos colaterais pouco desexables: a exacerbación do patriotismo, a prolifereción das bandeiras ("Detrás das bandeiras sempre veñen os exércitos", dicía Borges), as actitudes gregarias e os excesos na celebración.
O fútbol provoca sentimentos de identificación e todos participamos das peripecias e da incerteza do xogo. Porque nun partido, como na propia vida, existe sempre unha marxe para o azar, para o erro arbitral, para o fallo inesperado, para o penalti inxusto, que condiciona o resultado de xeito definitivo. Cando España perdeu o primeiro partido contra Suíza houbo dúbidas e críticas. Os expertos anunciaban a catástrofe. Mesmo Maradona, ese bufón histriónico e demenciado, inchado de vaidade, pensou que era o momento da burla: "La tocan, la tocan, pero ¿cuando piensan meterla? Habrá que ponerle las porterías en los costados".
Algunhas seleccións chegaron a Suráfrica coa convicción de que estaban condenadas ao éxito. A selección española abordou a competición desde a humildade e o traballo colectivo. Fixeron un formulamento de rigor táctico e buscaron novos paradigmas. Deixaron atrás a "furia española" e buscaron a calidade e a precisión. Na vez de destacar o heroe individual fan unha proposta de xogo colectivo. No sitio da filigrana e o adorno procuran o toque, o apoio mutuo e a solidaridade na posesión do balón.
Este equipo fixo unha aposta pola excelencia. É un grupo que tenta sacar o maior partido do talento de cada un e aproveitar ao máximo as calidades persoais para o beneficio colectivo. Á fronte está Del Bosque, un home tranquilo e sobrio, que afrontou os momentos difíciles con grande elegancia e corrección. Haberá que seguir o exemplo, haberá que perseguir a excelencia noutros ámbitos da nosa vida colectiva. Grazas, rapaces.
No hay comentarios:
Publicar un comentario