http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/onde-estaba-deus/idEdicion-2010-02-15/idNoticia-516573/
Cando tremou a terra con violencia, derrubando casas e pontes, provocando a fractura das estradas e o desbordamento dos ríos, arrastrando persoas e animais cara ao máis profundo, provocando morte, destrución e pánico, onde estaba Deus?
Cando quedaron familias enteiras sepultadas entre os cascallos, incapaces de saír por si mesmos, rompidos, desesperados, pasando fame e medo durante días, rodeados polos propios excrementos, atrapados por toneladas de cemento e cal, vendo os ollos da morte e escoitando os berros adoecidos dos seus parentes, onde estaba Deus?
Cando os superviventes, e os que chegaron de fóra para axudar, empezaron a desenterrar a xente atrapada, cando os centos de feridos chegaron aos hospitais sen medios e atestados de xente buscando axuda, e cando os médicos lles tiveron que amputar membros aos nenos para poder salvar as súas vidas, onde estaba Deus?
Cando a dor é insoportable e os choros e os berros dos enfermos, dos feridos, dos desafiuzados, inundan a escuridade da noite e non hai medios para calmar a dor ou facilitar o descanso, onde estaba Deus?
Cando os que xa non tiñan nada o perden todo, cando a vida cotiá se converte nun inferno, cando a xente deambula polas rúas, convertidas en cloacas, sen rumbo e coa mente extraviada, cando soamente existe o caos e o pánico despois de vivir a fin do mundo e xa non se pode agardar unha desgraza maior, onde estaba Deus?
Non sei onde estaba Deus aquel día que tremou Haití deixando un regueiro de morte e de destrución. Non sei onde está agora, cando perdura a dor e a miseria, cando os habitantes daquel país precisan de tanta axuda para recuperaren a dignidade, a confianza e o desexo de vivir.
Onde queira que estea, agora tócalles aos homes. Tócanos a todos nós ser solidarios e contribuír á construción do país despois de tanta desolación. Haití xa non está nas portadas dos xornais, pero agora faise máis necesaria a colaboración internacional para xerar unha situación nova que impida a reprodución dunha catástrofe como a presente.
É preciso plantar árbores, sementar os campos de cultivo, construír edificios que non se derruben co primeiro sopro do vento, levantar escolas para que os nenos aprendan a ler e escribir, instalar fábricas para que os maiores teñan traballo e dignidade. Din os expertos que a reconstrución de Haití pode custar ata 20.000 millóns de dólares. Pois haberá que gastalos, porque a Humanidade non pode permitir que este pobo, abandonado por Deus, siga atrapado na miseria e na devastación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario