Os medicamentos xenéricos, igual de eficaces e seguros que os outros, adoitan ser máis baratos. Ese é o motivo de que tódolos países tenten potenciar o seu uso, para procurar reducir o gasto farmacéutico, que tanto pesa sobre os sistemas sanitarios. Galicia ten unha das taxas máis baixas no uso de xenéricos. Os sucesivos gobernos do PP, desde as transferencias sanitarias, non sinalaron como prioritario este obxectivo, como fixeron outras autonomías que hoxe teñen uns índices de utilización de xenéricos moito mellores. Todas elas puxeron en marcha, tamén, a receita electrónica hai máis dunha década. En Galicia tivo que ser o goberno de progreso quen a impulsase. A e-receita chega agora ao 98% da poboación, despois do grande esforzo realizado polo anterior executivo. Isto facilita a prescrición de xenéricos de xeito notable.
Pero a Xunta acaba de poñer agora en marcha un Catálogo de Medicamentos que restrinxe a posibilidade de prescribir varias decenas de fármacos. Non suprime ningún principio activo, pero algúns medicamentos de uso moi frecuente (por exemplo: Neobrufen, Augmentine, Orfidal,Norpramin, Dianben...) deixan de estar financiados polo Sergas e deberán ser substituídos. Sorprende esta iniciativa do executivo galego, cando é sabido que as autonomías non poden elaborar unha listaxe de medicamentos financiados máis reducido que o aprobado no Ministerio de Sanidade. Esta norma provoca unha discriminación negativa dos galegos no acceso aos fármacos e vulnera o principio de equidade e igualdade dos cidadáns no dereito á atención sanitaria. O Ministerio xa anunciou que vai recorrer contera este regulamento ante o TSXG que, con certeza, ditará a súa suspensión cautelar. Pódese deducir, polo tanto, que a Xunta propuxo esta medida sabendo que non a podería aplicar. Resulta sorprendente ver á conselleira reclamar a "soberanía" de Galicia neste terreo. O mesmo goberno que vén de reducir o orzamento sanitario, por primeira vez na historia autonómica, terá así un argumento autoexculpatorio. Pretenderá aparecer como defensor da sostibilidade do sistema (mentres favorece negocios privados coa construción dos hospitais e gasta grandes cantidades en propaganda). Non vai acadar o aforro anunciado en Farmacia, pero o culpable será, por suposto, o Goberno central, que non lle permite aplicar o seu Catálogo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario