http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/saude-ano-novo/idEdicion-2010-01-06/idNoticia-503222/
O inicio dun novo ano é un tempo propicio para facer promesas, para marcarse obxectivos, para perseguir cambios na vida persoal. O da saúde é un terreo onde este tipo de propostas se realizan con frecuencia. A primeiros de xaneiro propoñémonos unha serie de tarefas coa pretensión de mellorar a nosa vida e a nosa saúde. Para os que non o teñan claro fágolles a continuación unha proposta, froito de trinta anos de exercicio profesional e dunha demorada reflexión, para acadar unha vida máis saudable. Aló vai o meu decálogo:
O inicio dun novo ano é un tempo propicio para facer promesas, para marcarse obxectivos, para perseguir cambios na vida persoal. O da saúde é un terreo onde este tipo de propostas se realizan con frecuencia. A primeiros de xaneiro propoñémonos unha serie de tarefas coa pretensión de mellorar a nosa vida e a nosa saúde. Para os que non o teñan claro fágolles a continuación unha proposta, froito de trinta anos de exercicio profesional e dunha demorada reflexión, para acadar unha vida máis saudable. Aló vai o meu decálogo:
1. Non hai que ter présa. No mundo actual temos unha tendencia á aceleración. O contorno urbano márcanos un ritmo afogante, as esixencias da vida moderna lévannos a acumular obrigas que, nalgunha ocasión, poden facernos perder o equilibrio. Así pois, para os adictos ao reloxo: procuren baixar o ritmo, aprendan a levar unha vida máis lenta (movemento slow). Pola contra, aos lentos e pasotas hai que lembrarlles que unha miga de estrés é imprescindible para funcionaren na vida.
2. Debemos procurar unha vida ordenada. O caos e a desorde non son beneficiosos para a saúde. Sempre é favorable manter un certo rigor nos horarios das comidas, do sono, das actividades de ocio e distracción. Esta recomendación debe interpretarse de xeito flexible: tampouco convén caer no TOC (trastorno obsesivo-compulsivo).
3. Convén eliminar os hábitos tóxicos. Do tabaco non se pode dicir nada favorable: causa un prexuízo incontestable para a saúde a curto e a longo prazo. As drogas son todas perniciosas: reducen a liberdade persoal e danan a saúde. O alcohol forma parte dos usos gastronómicos da nosa cultura, pero o abstemio debe conservar esta condición e o bebedor debe ser moi moderado: o abuso do alcohol pode ser moi prexudicial. Tamén debemos fuxir das condutas adictivas. Certas actividades da vida cotiá poden xerar adicción: os xogos de azar, a televisión, a compra compulsiva, internet.
4. Debemos evitar as relacións tóxicas. Somos seres sociais por natureza, a vida non ten sentido en solitario, somos o que somos en relación cos demais. Por iso é preciso saber con quen nos relacionamos, é preciso evitar o caos afectivo. As relacións interpersoais teñen que ser mutuamente positivas: teñen que enriquecer e alimentar a ambas as partes. Se só unha das partes saca beneficio podemos estar diante dunha relación tóxica. Debemos, polo tanto, favorecer as relacións afectivas con quen te valora, te aprecia, te apoia, te anima? E debemos fuxir das relacións parasitarias e fagocíticas: evitar a quen te insulta, te degrada, te manipula, te humilla, te utiliza?
5. É necesario coidar as relacións afectivas. Todos temos unha rede de relacións interpersoais que nos sitúan nesta vida e que lle dan sentido ao propio proxecto persoal. É preciso preocuparse polos demais, saber quen son os nosos, aqueles cos que podemos contar sempre, sobre todo cando as cousas van mal. Porque na vida xorden sempre momentos de crise (rupturas, perdas, frustracións, tránsitos) que poderemos afrontar con maior fortaleza canto máis sólidos sexan os nosos soportes afectivos e sociais.
6. Hai que moverse. O natural do ser humano é o movemento. Os que temos unha vida profesional sedentaria debemos buscar o xeito de facer exercicio. Como mínimo hai que camiñar todos os días. Se é posible tentaremos realizar algún deporte. Todos son válidos segundo as condicións e apetencias de cadaquén. Pero son aconsellables os deportes de grupo, pois é máis doado conseguir a continuidade.
7. Debemos comer ben. Non se trata de comer moito nin de acudir a restaurantes de luxo. Comer ben é comer variado, evitando a monotonía, e conseguir equilibrar inxesta e gasto. Actualmente temos unha dieta con demasiadas calorías, hiperproteica e con exceso de graxas. A consecuencia é a obesidade, epidemia crecente do mundo occidental (triste paradoxo: outra grande parte da humanidade morre de fame).
8. Convén estimular as neuronas. A calquera idade é preciso manter a curiosidade, estar aberto ao mundo e interesado ao que pasa darredor. É saudable charlar, escoitar a radio, ler a prensa diaria (Galicia Hoxe): todo isto mantennos vivos e conectados á realidade. É beneficioso participar en actividades de grupo, colaborar en tarefas colectivas á marxe do nosa estrita obriga laboral.
9. É preciso ter conciencia dos propios límites. Na vida é adecuado marcar obxectivos e procurar acadar certas metas. Pero formular metas inalcanzables provoca inevitablemente a frustración. É preciso ter sentido da realidade e aceptar as limitacións persoais e os condicionantes externos. Tamén cómpre saber que o paso do tempo provoca no propio organismo un desgaste físico: é o que chaman en enxeñería a fatiga dos materiais.
10. "A vida é unha doenza de transmisión sexual que remata sempre coa morte". Esta frase do médico checo Petr Skrabanek resume con ironía o que vén ser a vida dos humanos. Tanto nos afanamos día a día, sen decatarnos de que non é posible eludir o paso do tempo nin burlar a morte. Debemos, pois, procurar unha vida apracible, gozar das pequenas cousas que dan momentos de felicidade. Vivir obsesionados coa saúde (hipocondría) deteriora a calidade de vida e non mellora o noso porvir.
No hay comentarios:
Publicar un comentario