Meus pais teñen oitenta e catro anos e levan unha vida tranquila nunha aldea preto de Santiago. A súa vellez non é parasitaria; pola contra, recollen patacas e ovos que reparten entre os fillos. Tamén colaboraron na crianza dos netos máis pequenos. Forman parte dunha desas redes de axuda mutua que fan a vida un pouco mellor. A súa maior felicidade é reunir os seus darredor dun xantar e despois xogar unha partida de cartas. Veñen dunha estirpe agraria, coñeceron tempos de miseria e medo na posguerra, pasaron dificultades económicas e superaron serios problemas de saúde. Sobreviviron a todo iso e agora gozan do día a día coma se fose un regalo. Eu agardo que este equilibrio permaneza sen cambios por moito tempo.
Nesta tarde fría de febreiro doulle voltas a estas cuestións, ollando o mar desde a fiestra do meu despacho mentres soa a música de Mozart, e síntome satisfeito. Eu tamén colaboro, honrosamente, a que os nosos vellos teñan un merecido confort nesta etapa da súa vida. Cos impostos construímos este tecido de solidariedade interxeracional que permite afrontar sen riscos os anos da vellez.
Veño de ler os xornais e entéirome de que un xastre de Ourense, acompañado por Núñez Feijóo, reclamou, nun acto público e solemne, o retorno do despedimento libre e a desmontaxe do estado do benestar. Este home, Domínguez de apelido, atopou un slogan afortunado, proxectou unha imaxe pública de grande emprendedor e deseñou o sistema de traballo axeitado: hai tres décadas había centos de costureiras espalladas polas aldeas de Ourense traballando para el de xeito clandestino.
Foi, máis tarde, un pioneiro da deslocalización: agora as mulleres que traballan para el viven en Marrocos, teñen un salario de 180 euros ao mes e xornadas de 12 a 16 horas na temporada alta. Deste xeito o señor Domínguez, con outras empresas do téxtil galego, consolidou a súa posición no sector, a pesar da crise económica. Mentres tanto, en Galicia pecharon decenas de talleres e perdéronse centos de postos de traballo.
Despois desta traxectoria vertixinosa, que o levou a estar entre as grandes fortunas do país, o señor Domínguez xa non ten reparo para verbalizar as súas convicións máis profundas: aos pobres, para que traballen, hai que presionalos. Do contrario vólvense preguiceiros. Por fortuna este home non é gobernante. Do contrario, meus pais non poderían desfrutar gozosamente da súa vellez. Xa tería rachado co estado do benestar para facilitar o éxito de emprendedores coma el.
No hay comentarios:
Publicar un comentario