http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/chandrexa-queixa/idEdicion-2010-07-19/idNoticia-570597/
Chandrexa é un concello galego, situado na Serra de Queixa, preto de Trives e de Manzaneda, a uns sesenta quilómetros da cidade de Ourense. Ten unha altitude de preto de mil metros sobre o nivel de mar e a súa poboación, escasa e envellecida, vive fundamentalmente do campo, dispersa en dezaoito parroquias. Teño a certeza de que a maioría dos galegos nin siquera coñecen a existencia deste territorio.
Acaba de publicarse un libro, Chandrexa de Queixa, patrimonio natural, do que é autor o meu amigo Luís Míguez, un biólogo de saber enciclopédico namorado do seu país, que ten o propósito de poñer en valor estas terras de montaña e situalas definitivamente no mapa. Coñezo a Luis desde hai máis de trinta anos e sei da súa tenacidade e perseverancia. Tamén coñecín e tratei ao seu sogro, Agustín González, un vello mestre republicano represaliado, que foi quen o acompañou nas súas primeiras camiñatas e axudouno a amar e coñecer estas terras altas.
Este volume é o resultado de miles de horas de traballo. Foron días enteiros percorrendo os camiños e coronando as curotas destes montes, soportando as inclemencias do tempo (a neve, a choiva, o intenso sol do verán), sempre acompañado pola cámara fotográfica e o caderno de notas. Algún día que saín con el decateime da dureza destes percorridos. "Que fará este home polos camiños, coa que está a caer?", dirían algúns paisanos ao velo pasar. Agora teñen a resposta. E tamén sei de moitas tardes de traballo no seu estudio, fronte ao mar do Orzán, cunha paciencia franciscana, coa minuciosidade dun orfebre e a constancia dun corredor de fondo ordenando o material fotográfico, buscando documentación, debuxando esquemas e redactando os textos que agora forman esta publicación.
Froito deste esforzo é un libro contundente (dos que xa non se levan, neste tempo de liviandade), con máis de catrocentas páxinas, duascentas fotografías e decenas de esquemas, táboas e gráficos, todos eles alaborados polo propio autor, onde se reflexa o enorme interese xeolóxico, biolóxico, etnográfico e paixístico desta comarca. Vén representar unha aportación documental definitiva, de referencia obrigada para todo aquel que, no futuro, queira escribir sobre estas terras. Representa tamén, de seguro, un completo orgullo para os habitantes da zona, que ven recoñecido o valor patrimonial destes montes afastados. E pode representar, finalmente, un primeiro chanzo para converter a Chandrexa en territorio a visitar, contribuindo a fortalecer a súa economía e o seu futuro..
No hay comentarios:
Publicar un comentario