Descendeu do avión entre a néboa, foi recibido polas autoridades do país, como corresponde ao máximo representante dunha relixión con millóns de fieis en todo o planeta, e foi aclamado por milleiros de seguidores chegados dos máis diversos lugares do mundo; o Papa chegou á Catedral e abrazou a figura do Apóstolo para, máis tarde, na misa celebrada na praza do Obradoiro, criticar con dureza o que considera "laicismo agresivo" da sociedade española.
Esta viaxe de Benedito XVI a Galicia tivo un alto custo para as arcas públicas, neste tempo de crise e austeridade, se ben o alcalde de Santiago entende que o esforzo paga a pena pola repercusión mediática do acontecemento. Procura esquecer o profundo significado social e político da visita para destacar só o marketing da cidade. Houbo colectivos que se mobilizaron contra desta chegada baixo o lema Eu non te espero, como xa acontecera coa visita do Papa a Valencia no 2006.
Hai moitos anos que non asisto ás celebracións da Igrexa, aínda que fun educado neste credo como todos os da miña xeneración. Só participo na celebración dos ritos de paso (bautismos, vodas, enterros) xa que a xerarquía católica ten o monopolio destes actos. Máis coñezo, admiro e aprecio un bo feixe de persoas con profunda fe relixiosa que tentan, todos os días da súa vida, seguir os pasos dun tal Xesús de Nazaret que andou polo mundo a predicar a igualdade dos seres humanos, a solidariedade cos desfavorecidos e o amor como motor principal na vida das persoas. Clamou contra da avaricia e a mesquindade dos fariseos. Esta forma de entender a relixión goza da miña simpatía e profunda admiración. Esta xente, con outros que comparten estes valores sen participar da crenza relixiosa, son os que fan que o mundo sexa máis habitable.
Montaxe do escenario na Praza do Obradoiro |
No hay comentarios:
Publicar un comentario