O sábado pasado pasámolo agardando a tormenta, que despois resultou non ser tanto, por fortuna. Hoxe fai bo tempo na Coruña e o mar descansa tranquilo, acariñando a area coas súas ondas mansas. Eu pasei a mañá dedicado á lectura dos xornais e dándolle voltas ao maxín para buscar algún tema de interese para esta columna semanal.
Pero hoxe non quero escribir de política. Non vou falar de Rosa Díez e o seu xeito de pronunciar con desprezo a verba "gallego". Xa houbo comentarios dabondo e o personaxe non merece máis. Tampouco vou dedicar este espazo a reflexionar sobre o asombro que produce que o principal acusado da trama Gürtel, Francisco Correa, teña presentado unha querela contra o xuíz Garzón por ter intervido na prisión as comunicacións dos principais implicados desta rede cos seus avogados. Algo falla na xustiza deste país cando o presunto delincuente é quen ataca ao seu acusador.
Tampouco quero escribir sobre relixión, pero estiven tentado. A tentación veu provocada por unha foto na que o noso presidente aperta as mans do Papa, con expresión obsequiosa no rostro, mentres a súa compañeira sentimental observa a escena a unha prudente distancia. Non criticarei que o presidente viva en pecado, pois así consideran os católicos o concubinato, nin que ocupen a vivenda oficial de Monte Pío sen ter recibido o sacramento do matrimonio. Pero resulta pouco estético ese enorme crucifixo que amosa a acompañante na recepción do Vaticano. Hoxe os xornais traen unha noticia sobre un escándalo de pederastia na Igrexa alemá, onde se produciron abusos continuados a nenos no coro dirixido por Georg Ratzinger, irmán do Papa. Será por iso que non procedeu á inmediata excomuñón da parella: estaba máis preocupado polos asuntos da familia.
Pero deixemos estes asuntos serios e falemos de fútbol. É unha paixón que me acompaña desde a miña infancia. Sigo tentando a súa práctica aínda que, no presente, a miña progresión deportiva deixa moito que desexar. Veño agora de Riazor. O Dépor gañoulle ao Tenerife. É un milagre que este equipo, construído para non descender, estea loitando por entrar nas competicións europeas. E hai outro milagre: ver xogar a Valerón. Cando todo é caótico, cando no campo só hai desorde e tedio, colle el o balón e de repente todo cobra sentido, todo se ilumina. Non fai nada extraordinario pero o xogo ten un criterio, unha orde. É tan bo e xeneroso que, coa súa presenza, fai lucir máis aos compañeiros. Paga a pena ir ao estadio só por ver uns minutos a este artista do balón.
No hay comentarios:
Publicar un comentario