Falabamos hai sete días da borrosidade galega e da posibilidade metafórica de que Galicia chegue a ser borrada da xeografía, coa axuda dos actuais gobernantes. Outros autores tamén se apuntan nesta corrente crítica. M.A. Murado afirma no seu libro Outra idea de Galicia que esta terra leva vinte anos con crecemento poboacional negativo e a súa taxa de fecundidade é das máis baixas de Europa. Conclúe: "aínda que improbable demograficamente, a fantasía pesimista dunha extinción absoluta dos galegos diríase que non está tan lonxe". Tamén X.M. Pereiro, nun artigo recente e facendo referencia á política actual, afirma que "Galicia non existe, só cargos coa mesma altura de miras que se gobernasen unha comunidade de veciños".
Máis, feito o diagnóstico, cómpre ollar o panorama con perspectiva e tentar manter o optimismo. Non podemos deixarnos contaxiar polas tendencias autolíticas dos actuais dirixentes. Como decía J.L. Sampedro nunha entrevista "son máis importantes as crenzas que as verdades". É preciso alimentar a confianza no futuro colectivo. O desánimo só serve para crear vitimismo e leva directamente á autodestrución.
Henrique Alvarellos publicou un precioso libro, Galicia en cen prodixios, no que fai un paseo visual por diferentes puntos da nosa xeografía que nos converten en territorio singular: desde o único río europeo que desemboca en fervenza ata o faro máis antigo do mundo. O autor, impresionado polo seu percorrido, afirma: " Galicia é unha terra con claro porvir. Hai futuro, hai luz entre os ceos atoldados das longas invernías". Concordamos con el e podemos afirmar que hoxe Galicia é unha potencia nos sectores da confección, na pesca, na acuicultura, nos balnearios e augas termais, nos viños, na construción naval e na produción de enerxía eléctrica. A pesar dos escépticos existe un empuxe empresarial descoñecido hai anos, e temos unha mocidade máis preparada que nas xeracións anteriores. Contamos, ademais, con xente emprendedora e comprometida na construción do país. Quero nomear aquí a Xosé González e Carmen Pérez Vaquero, que levan anos traballando arreo co obxectivo de regaleguizar Galicia. Forman parte da estirpe dos bos e xenerosos. Son da casta dos imprescindibles que sinalaba Bertolt Brecht. Así pois, como di o propio Pepe de Redondela nunha recente misiva de Nadal: "Non perdamos a ilusión na tarefa común de facer que Galicia sexa cada día máis galega".
No hay comentarios:
Publicar un comentario