A partir de xaneiro de 2012 non se van celebrar máis corridas de touros en Catalunya. A aprobación desta iniciativa lexislativa popular (ILP) no Parlamento catalán vén representar un notable triunfo dos colectivos sociais que levan anos traballando pola supresión deste espectáculo, que só pervive en España, Portugal e no sur de Francia (á parte de Suramérica). En Catalunya ten unha presenza testemuñal, o que favoreceu o éxito desta iniciativa. No resto de Europa é considerado un residuo da España negra, caricaturizada por Goya.
En 1977 proclamouse unha Declaración Universal dos Dereitos dos Animais, que fai referencia, basicamente, ao dereito á existencia dos mesmos, a non sufrir malos tratos e a morrer sen dor. A estas alturas do século XXI torturar e matar animais por diversión é algo eticamente indefendible. Que as corridas de touros sigan a ser consideradas a festa nacional de España resulta anacrónico. A mesma reprobación debe facerse doutros espectáculos igual de crueis: as pelexas de galos e de cans, o lanzamento de cabras desde os campanarios e os correbous de Tarragona.
Os promotores desta iniciativa fixeron un excelente traballo conseguindo que prevalezan os valores universais de respecto pola vida animal e de supresión do maltrato, por enriba das pulsións tribais e da suposta tradición. En Galicia hai xa varias plataformas que están a impulsar unha ILP para conseguir a prohibición das corridas de touros. A afección é ben escasa e só se celebran estes espectáculos, con patrocinio público, na Coruña e en Pontevedra.
Mais esta proposta, que cómpre apoiar, deberá cinguirse ao terreo estritamente ético. Porque en Catalunya pretendeuse converter esta polémica nun debate identitario, dando a entender que o rexeitamento do espectáculo taurino encerra unha expresión de ofensa a España. Identificar o movemento antitaurino co independentismo é unha barbaridade. Mais o propio Rajoy anunciou que tentará unha declaración da lidia como patrimonio cultural, para evitar a súa prohibición noutras comunidades. Estas expresións fóra de lugar representan un risco para a convivencia dos pobos. A construción de barricadas non é a mellor maneira de contribuir á confluencia de sentimentos e de intereses. A instrumentalización destes debates para sacar rendibilidade partidaria representa unha demostración de mesquindade política e de carencia de auténtico patriotismo..
No hay comentarios:
Publicar un comentario