No meu exercicio profesional -xa van aló máis de trinta anos-, tiven que acompañar moitas persoas nos seus últimos pasos na vida. Axudar o paciente e a súa familia neste transo é, ao meu ver, unha das obrigas máis importantes da práctica médica. Por iso celebro o anuncio do goberno de que se vai lexislar o dereito a morrer con dignidade, regulando e dando protección a todas aquelas prácticas profesionais que teñen por finalidade aliviar a dor, o sufrimento e a angustia que aparecen, a miúdo, ás beiras da morte. Ás veces, a obstinación dos médicos non axuda a prolongar a vida senón a manter o padecemento da agonía.
Na última década houbo en España intensas polémicas sobre este tema. A morte de Ramón Sampedro e a película Mar adentro provocaron un tenso debate. O caso Leganés, iniciado en 2005 por unha denuncia anónima que acusaba os médicos dese hospital de practicaren sedacións a pacientes terminais de forma irregular, provocou unha grande conmoción social. O doutor Montes e os seus compañeiros foron absoltos polos tribunais de xustiza, pero pasaron un longo calvario, sendo sinalados polos seus acusadores como asasinos e nazis.
Moitos países de Europa xa contan con esta regulación desde hai anos. Andalucía aprobou, o pasado mes de marzo, a súa propia Lei de morte digna. En Galicia tamén se deron algúns pasos: o goberno de progreso elaborou a Lei de vontades anticipadas e puxo en marcha o Rexistro Galego de Instrucións Previas. Tamén impulsou o Plan galego de coidados paliativos (2006), por entender que o sistema sanitario debe mellorar a calidade de vida sen prolongar de xeito artificial a supervivencia máis alá do razoable, dándolles apoio emocional aos familiares e aliviando a dor dos enfermos. Aínda queda moito por avanzar neste terreo, que conta coa tenaz oposición da Igrexa católica e os grupos políticos afíns. No Manifesto de Santander, promovido polo doutor Montes en 2008 e asinado por milleiros de persoas, afírmase que todo cidadán "ten dereito a recibir información veraz sobre a súa doenza, a rexeitar os tratamentos, a limitar o esforzo terapéutico e a elixir entre as opcións dispoñibles, como a sedación terminal". Tamén se reclama a promoción dun debate sobre a eutanasia e o suicidio asistido de persoas que padecen ao final da súa vida, e a pesar dos coidados paliativos, un sufrimento insoportable do que desexan librarse con todas as garantías legais..
No hay comentarios:
Publicar un comentario