Cómpre dicilo unha vez máis: os xenéricos son eficaces e seguros, igual que os fármacos de marca. A única diferenza é o prezo: son máis baratos. Por iso todos os gobernos tentan promover a súa utilización. Defendo o seu uso con absoluta convicción. Na miña consulta o 25% das receitas son xenéricos, mentres a media de Galicia anda polo 15%. Mais promover os xenéricos non é sinónimo de asumir o catálogo restritivo aplicado pola Xunta desde o pasado tres de xaneiro. Non cuestiono os obxectivos (prescrición de xenéricos, aforro no gasto farmacéutico) senón o procedemento.
Galicia sitúase como a derradeira comunidade no uso destes medicamentos. Os sucesivos gobernos de PP non fixeron nunca unha política decidida neste terreo. Outras autonomías utilizaron os resortes legais ao seu alcance (guías farmacoterapéuticas, prescrición por principio activo, etc.), e facilitáronlles aos profesionais instrumentos (receita electrónica, información terapéutica, etc) para mellorar a prescrición. Así conseguiron un elevado uso destes fármacos. En Galicia foi o goberno de progreso o que impulsou estas iniciativas.
Ningunha comunidade fixo un catálogo restritivo como o que vén de impoñer a Xunta. Por unha razón sinxela: nun estado de dereito cada instancia ten delimitada a súa capacidade para lexislar, e a listaxe de medicamentos financiados é competencia do Goberno central. O Ministerio de Sanidade non ten máis remedio que recorrer contrta este catálogo porque debe garantir a cohesión e a equidade no acceso ás prestacións sanitarias en todo o Estado. A Xunta estaba advertida pero non cesou no empeño, provocando unha situación delicada entre as dúas administracións. Aquí hai unha xogada estratéxica e mediática na que os gobernantes galegos cren saír gañadores, calquera que sexa o resultado.
Se o Ministerio non recorre incorrería nunha perigosa deixación de funcións: dentro de pouco podería haber 17 catálogos diferentes. Mais se impide a aplicación deste catálogo a Xunta non conseguirá o aforro anunciado e botaralle a culpa ao Ministerio. Os mesmos que reducen o orzamento sanitario e que favorecen negocios privados na construción dos hospitais públicos hipotecando a sanidade galega, tentan aparecer como defensores do sistema. E aínda pretenderán sinalar a ministra como aliada dos escuros intereses da industria farmacéutica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario