Sendo eu un rapaz houbo un incendio nos montes de Lañas. Era ao comezo da tarde dun feroz día de agosto e mobilizouse deseguida toda a parroquia, que foi quen de rematar co lume antes da caída da noite. Os medios eran rudimentarios pero a entrega da xente era total. Daquela o monte era unha fonte de riqueza e había que coidalo. Agora perdeu o seu valor económico e está abandonado, cos toxos e a maleza medrando coma árbores e converténdose en zonas impenetrables. Hai poucas explotacións forestais que estean debidamente atendidas. A xente do campo vive de costas ao monte que, de ser fonte de aprovisionamento imprescindible, pasou a converterse nun problema.
Cando vén un verán seco e caloroso e empeza a soprar o vento con forza, o risco de incendio é unha ameaza constante. Non é un fenómeno exclusivo de Galicia (Australia, Kenya, Portugal e, recentemente, Rusia foron afectadas por lumes de extraordinarias dimensións) pero, segundo Greenpeace, Galicia encabeza ano tras ano as cifras de incendios de España: arredor do 50% do total.
En tempos recentes falábase de tramas organizadas, e mesmo de escuras implicacións políticas. O actual presidente fixo no ano 2006 unha foto, de branco inmaculado e agarrado a unha mangueiriña, e lanzou tremendas acusacións contra o goberno de progreso, mentres o conselleiro Suárez Canal pasaba noites enteiras sen durmir tentando coordinar as actuacións para dominar os centos de lumes que asolaban a nosa terra. Tamén no 2005, cando o pavoroso incendio de Guadalaxara provocou once mortos, o PP estatal sinalou a ZP como presunto pirómano.
Neste verán, o Goberno galego optou pola ocultación (só se informaba dos lumes de grandes dimensións) ata que ocorreu unha desgraza: dous homes acaban de morrer no intento de apagar un incendio en Fornelos. É probable que a partir de agora a información circule con máis transparencia. Iso, polo menos, é o que aconsellan os expertos. O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, presentou recentemente un excelente informe sobre os incendios, as súas causas e consecuencias, e afirmou que se aconsella informar sobre estes sen xerar alarma inxustificada. Non é o tempo agora de facer un uso partidario dos lumes e dos mortos. É o momento de actuar con sentido de país para poñer as bases dunha política forestal que reduza ao máximo o risco de incendios no inmediato futuro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario