Hai uns anos que traballa no meu centro a doutora Pilar Gallego que, a pesar do seu apelido, é aragonesa. Temos unha boa relación profesional, baseada no respecto mutuo. Hai uns meses entrou na miña consulta e díxome, de fronte e sen preámbulos: "Así que ti es escritor e eu non sabía nada". Tentei explicarlle que en realidade eu vivo da miña profesión de médico e que a escrita vén ser unha ocupación ocasional. "Se tes libros publicados es escritor e xa está", sentenciou, e non fun quen de contradicila. Contoume que o seu home tamén escribe e que estaba na busca de editor para o seu primeiro libro. Tróuxome un texto fotocopiado asinado por Fernando Pérez Martínez. O primeiro que se me ocorreu foi indicarlle que tiña que cambiar o nome. Non se pode ter un espazo no mundo literario con apelidos tan vulgares. "Mira en Google". Fixemos a proba: máis de 300.000 entradas co mesmo nome. Esa mesma tarde comecei a lectura do libro, que me enganchou desde o primeiro párrafo: "Seamos optimistas; en el mejor de los casos, la vida es una mierda". Con este inicio escatolóxico só se pode agardar un feixe de lixo ou unha obra extraordinaria, e coido que se trata da segunda opción. Aos poucos días quedei co autor, xa convertido en Fernando Ontañón, para tomar unha cervexa e falar de libros. Compartimos o aprecio por algúns escritores (John Cheever, Raymond Carver, Don DeLillo, Rafael Chirbes, Muñoz Molina), e animeino para que publicase os seus textos. Non son experto en crítica literaria, pero teño dedicado moitas horas á lectura. Podo asegurar, sen temor a equivocarme, que estamos ante un autor importante, posuidor dun universo narrativo propio e dun grande dominio da linguaxe.
Relatos invisibles acaba de ser publicado estes días (Ediciones Carena). Volvín ler estes contos, encadeados por un elo imperceptible, e reafírmome na miña primeira opinión. Trátase do primeiro libro dun excelente escritor, no que aparecen os temas eternos da grande literatura: a paixón, o amor, a morte. Nun clima onírico e turbador esta obra reflicte a vida cotiá, atravesada por un fío de misterio: os primeiros amores, os amigos da infancia, o sexo turbio, os conflitos familiares, os rancores alimentados, as rutinas laborais. Un feixe de personaxes desconcertados na busca de seu destino que debuxan de forma maxistral a perplexidade do mundo de hoxe. Unha lectura moi aconsellable para estes días de Nadal..
No hay comentarios:
Publicar un comentario