O goberno de progreso fixo unha aposta decidida a favor da sanidade pública, pero o actual está a desmontar os avances acadados. A día de hoxe hai tres elementos clave que poden deixar a sanidade pública nunha situación precaria ao final deste mandato parlamentario: a construción de novos centros mediante financiamento privado, a redución orzamentaria e o conflito de Povisa.
A construción dos centros hospitalarios e de saúde polo sistema de concesión a empresas privadas (que constrúen os edificios e xestionan os futuros centros, polo que o Sergas terá que pagar un canon anual) vai significar, a longo prazo, unha enorme hipoteca para a sanidade pública. Será un burato negro, polo que se vai desviar unha parte importante dos orzamentos. Haberá lucro privado -alguns empresarios próximos verán incrementado o seu patrimono persoal-, pero producirase un deterioramento do servizo público.
A vontade política exprésase, sobre todo, na asignación orzamentaria. O actual presidente declarou, ao inicio do seu mandato, que a redución do gasto público non afectaría, en ningun caso, á sanidade e á educación. Faltou á súa palabra: por segundo ano consecutivo prodúcese unha redución do orzamento sanitario, o que non acontecera nunca na historia da autonomía. Estas son as consecuencias: a paralización do plan de mellora da Atención Primaria, a redución da actividade dos centros sanitarios e o deterioramento da calidade asistencial.
Nestes últimos días soubemos dun novo conflito. A dirección de Povisa vén de anunciar un expediente de redución de emprego (ERE) que podería afectar a máis de 1.000 traballadores. Cómpre lembrar que o hospital Povisa ten un concerto singular co Sergas -que agora toca reasinar-, polo que atende a 134.000 persoas na zona de Vigo. Este concerto é o máis vantaxoso dun hospital privado en toda España, mentras que as súas listas de espera son moi superiores ás dos centros públicos. Agora pretende cambiar o actual concerto por unha concesión semellante á do hospital de Alzira (que está resultando ruinosa para a comunidade valenciana).
Resulta rechamante que a dirección de Povisa expoña o conflito neste intre, cando a xerente do Sergas é unha persoa vinculada a este grupo durante décadas. Non me gustaría descubrir que este ERE non é senon unha farsa, unha posta en escena, para conseguir unha mellora económica para Povisa usando unha posición de privilexio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario