Cando a dereita recupera o poder, do que se cre propietaria, sempre repite a mesma letanía: isto é insostible, cómpre eliminar gastos, hai que adelgazar o Estado, é necesario reducir os servizos públicos. Neste tempo de crise, a mensaxe resoa con máis forza: quitémoslles a protección aos desamparados, rebaixemos o gasto ao imprescindible.
Na sanidade galega esta propaganda penetra fondo. A conselleira, grande rezadora, non deixa de pregoar que se deben recortar gastos para garantir a viabilidade do sistema. Xa coñecemos este argumentario. Os ideólogos de Romay (Castellón, Negreira, Feijóo) pregoaban esta mesma teoría hai vinte anos. A mensaxe é ben sinxela: a predicción da catástrofe. Anuncian que as cousas están moi mal, que cómpre facer algo para corrixir o rumbo ou do contrario estará comprometido o futuro.
As propostas son sempre as mesmas: o copago sanitario, a separación da financiación e da provisión (financiación pública, provisión privada), novos modelos de xestión, a utilización da competencia interna. Daquela impulsaron a creación das fundacións sanitarias, que resultaron un absoluto fracaso. Agora promoven a construción e xestión privada dos hospitais públicos (PFI), modelo xa probado noutras comunidades con resultados catastróficos. Pero dá igual; aquí tentarase o mesmo: alguén fai negocio polo camiño.
O Goberno galego acaba de rebaixar, por primeira vez na historia autonómica, os orzamentos da sanidade. De acordo cos seus cálculos, o aforro principal vai ser achegado pola redución do gasto farmacéutico. Para tal fin, a consellería propón un catálogo de medicamentos que limita as posibilidades de prescrición dos médicos en Galicia. Saben con certeza que tal proposta é inviable, que o Ministerio de Sanidade non pode permitir unha listaxe restritiva que provoque unha situación de inequidade no acceso ás medicinas. De ser aprobada esta listaxe no parlamento galego, o Ministerio terá que denuncialo, e os tribunais de xustiza decidirán a suspensión cautelar deste, por ser inconstitucional.
Pero dá igual. Non conseguirán o aforro pregoado, pero o responsable será o Goberno central. Iso é o que buscan: un culpable externo dos malos resultados. Non importa que estas impúdicas manobras prexudiquen a protección sanitaria dos cidadáns galegos. Alguén terá que confesarse, e pedir perdón publicamente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario