O deporte é unha das actividades máis nobres que realiza o ser humano. Perseguimos a meta da autosuperación; empregamos esforzo e constancia para acadar cotas máis elevadas no rendemento deportivo sen agardar máis recompensa que a propia satisfacción polo triunfo. O deporte colectivo ten, ademais, un gran poder educativo: axuda a potenciar o compañeirismo, a axuda mutua, a solidariedade e a subordinación dos intereses persoais aos do grupo. O deporte de elite ten, nos tempos modernos, un elevado valor simbólico. Contribúe a potenciar o sentimento de pertenza, e achégalle á sociedade un abano de deportistas exemplares que serven, en todas as idades pero sobre todo nos primeiros anos de formación da personalidade, como elemento de emulación.
Todos nos sentimos orgullosos cando Pereiro gañou o Tour de Francia, cando a selección de fútbol foi campioa do mundo, e cando Rafael Nadal consegue ser o número un do tenis mundial, dando exemplo de humildade e corrección.
Por iso resulta tan dasacougante cando saen á luz as trampas que algúns utilizan para superar os contrarios. Os que amamos o deporte sentimos unha grande emoción cos últimos triunfos de Marta Domínguez, quen foi detida hai uns días na chamada "operación Galgo", por estar presuntamente implicada nunha rede de tráfico e consumo de substancias dopantes. Agora sentímonos defraudados e estafados.
O uso de substancias prohibidas co fin de mellorar o rendemento no deporte é, ademais dun delito e un risco para a saúde, unha práctica fraudulenta que vulnera a principal condición que debe existir na actividade deportiva: a competencia entre iguais nas mesmas condicións.
O atleta dopado parte dunha situación de vantaxe que racha por completo o espírito deportivo.
Esta muller, concelleira en Palencia polo PP e vicepresidenta da Federación de Atletismo, apareceu sempre ante o público como unha competidora exemplar e perseverante. Chegou a ser unha figura mítica do atletismo español e os seus veciños palentinos sentían por ela auténtica veneración.
De confirmarse a súa implicación nesta operación, e todo parece indicar que hai datos moi contundentes na súa contra, todos nos sentiremos frustrados. Pero, se cadra, é un mal necesario para conseguir que desapareza, dunha vez por todas, a sombra da dúbida que planea, nos últimos anos, por enriba do deporte español.
No hay comentarios:
Publicar un comentario