Cando o PP chegou ao poder en Galicia, hai agora un ano, debuxou un escenario para o seu discurso baseándose en dous piares: a situación de crise económica e o anuncio dunha política de austeridade. Resulta un deseño moi acaído porque permite desculpar os incumprimentos (non hai diñeiro) e reducir o gasto público.
O presidente prometeu que non se tocarían os principais soportes do estado do benestar (educación e sanidade). Xa non é así: nos comedores escolares de Galicia hai días que os nenos andan mantidos a base de bocatas, e o orzamento do Sergas para 2010 viuse reducido por primeira vez na historia da autonomía.
No que atinxe á sanidade o denominador común deste primeiro ano de goberno popular foi a parálise: frearon os orzamentos, paralizaron o Plan de Mellora da Atención Primaria, anularon a actividade hospitalaria en horario vespertino, pararon o Plan de Saúde Mental e o Plan de Atención Integral á Muller, cesaron os contratos de máis de cen especialistas que viñan prestando servizo nos hospitais públicos e detiveron o desenvolvemento do plan director no novo hospital de Vigo e do hospital único de Pontevedra. As consecuencias desta actitude estática son visibles xa a curto prazo: o tempo medio de espera para atención cirúrxica pasou de 71 días (marzo de 2009) a 77,2 (marzo de 2010). Case 2.400 persoas máis están a agardar por unha intervención, producíndose un incremento indesexable por primeira vez en cinco anos.
O enorme esforzo que se fixo durante o mandato de goberno de progreso para reducir este punto negro do noso sistema sanitario vese estragado en poucos meses con este novo xeito de gobernar.
Porque esta dereita ultraliberal ten os obxectivos ben definidos. Non se trata de mellorar o funcionamento e as prestacións dos servizos públicos. Non se trata de garantir unha boa atención á saúde de poboación desde os centros públicos senon, máis ben, de ir creando un escenario que faga posible a xeneración de espazos de beneficio particular a expensas dos orzamentos públicos. Nesa liña van algunhas das políticas que agora se vislumbran: incremento da concertación co sector privado, construción dos novos hospitais con participación de financiamento privado e o proxecto de creación de xerencias únicas nas áreas sanitarias, que pode rematar coa morte da Atención Primaria.
No hay comentarios:
Publicar un comentario